Pasar al contenido principal

Encontro

Valente Epistolar (correspondencia de José Ángel Valente coas súas amizades)

02.11.2021 | 11.00h-21.00h

Salón de Graos

Organizado pola Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética

Programa do encontro 'Valente epistolar'
Programa do encontro 'Valente epistolar'

A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela organiza o encontro  Valente epistolar (Correspondencia de José Ángel Valente coas súas amizades, que se celebrará o día 2 de novembro de 2021 no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía entre as 11 e as 20h. Nel participarán catorce especialistas noutras tantas importantes e reveladoras relacións epistolares do poeta citado con outros tantos intelectuais relacionados coa súa vida, coa súa obra ou coa súa tradución.

O epistolario de José Ángel Valente que se custodia por desexo do poeta na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, está composto por miles de cartas, postais, telegramas e faxes que recibiu ou, en copia, que enviou dito autor, como mostran os epistolarios xa editados relativos a personalidades españolas (como Alberto Jiménez Fraud, Jorge Guillén, María Zambrano, Max Aub ou case todos os poetas da súa idade) ou latinoamericanas (como Borges, Cortázar, Paz, Lezama ou Vargas Llosa).

Nesta ocasión, partirase de Luís Cernuda, de quen se ocupará o poeta Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra Valente, e logo a profesora Dolors Perarnau, doutora en Filosofía pola Universitat Autònoma de Barcelona, se ocupará do filósofo catalán, exiliado en México, Ramón Xirau, mentres que o profesor Manuel Fernández Rodríguez, doutorado na Universidade de Santiago de Compostela precisamente sobre Valente, tratará de Rafael Gutiérrez Girardot, tamén filósofo, ademais de ensaísta e editor colombiano.

Entre os escritores galegos, Vicente Risco, chamado “mestre” por Valente nas súas Cántigas de alén, será estudado pola poeta Olga Novo, quen xa tratou de ambos, do primeiro especialmente na súa tese doutoral cotutelada nas universidades de Rennes e Compostela; Rafael Dieste, será analizado pola escritora Carmen Blanco, doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela que ademais coñeceu persoalmente aos dous escritores implicados; Antón Risco, fillo de Vicente Risco e colega estudantil de Valente, será acometido polo crítico Armando Requeixo, doutor en Filoloxía Galega pola última universidade citada, e Camilo José Cela, que editou a Valente na súa revista Papeles de Son Armadans e cuxa poesía completa foi prologada por el, será interpretado pola comparatista Arantxa Fuentes Ríos, doutora europea en Teoría da Literatura pola Universidade de Santiago de Compostela.

Outro bloque confórmano poetas tan afíns e tan amigos de Valente como o xudeu exipcio de expresión francesa Edmond Jabès, de quen se encargará a ensaísta María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Université de Haute Bretagne e estudosa das conexións francesas do primeiro; o peruano Emilio Adolfo Westphalen, de quen se ocupará o filólogo Juan Manuel do Río Surribas, precisamente doutorado cunha tese sobre as relacións entre Valente e Westphalen pola Universidade da Coruña, e o xudeu arxentino Juan Gelman, de quen se fará cargo a polifacética investigadora

Cristina Fiaño, cuxo Traballo de Fin de Máster na Universidade de Santiago de Compostela foi precisamente sobre as conexións entre Valente e Gelman.

E non podía faltar tampouco neste panorama sobre o tan tradutor como traducido Valente unha sección relativa xustamente á tradución, que se inicia considerando as temperás versións da súa obra ao inglés realizadas polo histórico tradutor británico J. M. Cohen, o que acometerá a políglota filóloga romanesa Adina Ioana Vladu, doutora en Lingüística pola Universitatea din Bucureşti; continuará coas frutíferas relacións no ámbito xermánico, representado polo escritor e tradutor Joachim Sartorius, o que abordará a xermanista Rosa Marta Gómez Pato, doutora en Literatura Alemá que exerce na Universidade de Santiago de Compostela; proseguirá coa correspondencia producida en torno ás versións valenteanas do poeta italiano Eugenio Montale, tarefa asumida pola xa experta no tema Cristina Marchisio, doutora en Literatura Italiana e docente na última institución citada; e terminará contemplando o epistolario do poeta e tradutor portugués José Bento, xustamente por parte do tamén poeta e tradutor ao portugués Saturnino Valladares, autor dunha tese doutoral na universidade compostelá sobre a correspondencia entre Valente e os poetas españois da súa idade e profesor na Universidade Federal do Amazonas en Brasil.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.11.2021.