Pasar al contenido principal

Aberta a exposición pictórica ‘Instantes’ no Colexio de Fonseca

A exposición 'Instantes', de Fernanda Fernández, no Colexio de Fonseca
A exposición 'Instantes' de Fernanda Fernández no Colexio de Fonseca
A mostra reúne máis de corenta pezas nas que a artista viguesa Fernanda Fernández Súarez capta a fugacidade do tempo

O claustro alto do Colexio de Fonseca acolle até o 14 de xaneiro a exposición 'Instantes' da pintora viguesa, Fernanda Fernández Suárez. A artista volve a Compostela cunha mostra de 41 óleos sobre diferentes materiais (liño, lenzo, madeira) que comparten a celebración do instante, da fugacidade do tempo, como fío condutor.

A través da súa técnica figurativa, da experimentación coa luz e a cor, a pintora desvélanos o seu universo persoal e ofrécenos un percorrido por escenas cotiás que aguilloan a memoria, nunha travesía na que o vivido e o imaxinado se unen para xerar unha atmosfera onde a beleza dá paso á emoción.

Froitas, retratos, escenas deportivas, paisaxes urbanas e naturais, sucédense nesta captación do efémero que procura dialogar con quen as mira para estimular o recordo das súas propias vivencias.

Organizada pola Área de Cultura da USC, a mostra pode ser visitada sen necesidade de reserva de luns a venres de 11.00 a 14.00 h e de 17.00 a 20.30 h.

A autora

Nada en Bos Aires en 1965, Fernanda Fernández Suárez trasládase canda seus pais a Vigo á idade de tres anos e é alí onde se inicia na pintura. Aos nove, comeza a súa formación na Escola de Artes e Oficios da cidade olívica e, máis tarde, continúa os seus estudos no obradoiro pictórico de Enrique Sosbish en Madrid, alén de se formar en Ciencias Políticas na Universidade Complutense.

A través de exposicións individuais e colectivas, as súas obras amosáronse en diferentes centros,  galerías e certames da contorna galega e estatal, como a Casa de Galicia, a Galería Maes, ou Centro Cultural Puerta de Toledo, en Madrid; a sala de exposicións do Auditorio de Vilagarcía de Arousa; o Centro Social Caixanova en Vigo;  o Centro Cultural Vázquez Portoñeme, de As Neves; a Galería Esse en Ourense; ou a sede do Instituto Campus Stellae en Compostela. Recibiu, entre outros, o premio do Concurso Bello Piñeiro en 2004 e 2006;  o Carmen Holgueras, en 2004 e o primeiro premio do XX Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán, en 2009.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.11.2021.