Con este acto, a Facultade quere achegar a figura do mestre Ancochea, de raíces moi galegas, á comunidade matemática da USC e a todas as persoas que desexen sumarse

Este xoves 11 de novembro ás 12.00 horas preséntase na Aula Magna da Facultade de Matemáticas o libro sobre Germán Ancochea Quevedo, coordinado por José Angel Cid e Benjamín Macía e cuxo prólogo é obra da decana do centro Elena Vázquez Cendón.
No acto trazarase unha biografía de Germán Ancochea, un resumo do capítulo da valiosa correspondencia que se recolle no libro, e abordaranse os episodios referidos a contidos matemáticos. Intervirá tamén o director do IES Germán Ancochea de Trives e haberá unha rolda aberta de intervencións.
"O traballo realizado por todos os autores dos capítulos deste libro está impregnado da pegada do rigor que o profesor Ancochea deixou tanto na docencia impartida como na investigación desenvolvida. Os autores discípulos comparten a admiración polo mestre e amigo que protagoniza o libro", afirma Elena Vázquez Cendón no prólogo da obra. José Ángel Cid, Carlos Ferreiro, Francisco García, Xabier García, Manuel Ladra, Benjamín Macía e a propia Vázquez Cendón intervirán no acto.
