A sesión pública, na que participarán os coordinadores deste programa, Felipe Arias e Max-Jean Zins, ademais da deputada provincial Tareixa Ferreiro e varios dos relatores participantes, desenvólvese este luns 15 de novembro, a partir das 17.30 horas

Os coordinadores do Curso de Primavera da USC 2019 ‘Andar, camiñar, marchar...’, Felipe Arias e Max-Jean Zins, presentarán este luns 15 de novembro, a partir das 17.30 horas, as actas nas que se recollen as actividades e relatorios desenvolvidos no marco deste programa de debate e divulgación científica, promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.
A deputada provincial Tareixa Ferreiro e o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Cultura, Internacionalización e Servizos, Jesús Varela Zapata, tamén participarán nesta sesión, na que tamén se agarda a presenza de varios dos relatores que tomaron parte nun programa que afondou no concepto do camiñar e no feito de andar das persoas e dos animais.
Os relatores que interviñeron neste curso trataron o tema de camiñar desde un enfoque apoloxético, a través do que os autores relataron os beneficios e as vantaxes corporais e mentais que achega o feito de camiñar, e tamén desde a perspectiva bio-tecnolóxica, centrada na análise dos mecanismos do camiñar, obxecto de estudos desde o prisma das ciencias cinéticas, cinemáticas ou da enerxía.
Alén destas dimensións, o XV Curso de Primavera da USC achegou abordou tamén o camiñar desde un enfoque exhaustivo ou comprensivo, a través do que distintos autores estudaron as características do camiñar e do andar desde moi diversos puntos de vista, ao tempo que falaron das consecuencias destas marchas (políticas, sociolóxicas, mesmo económicas…), e o espectro creativo que o andar xera na expresión literaria ou en calquera outro ámbito, segundo se recolle no volume que se presenta.