O XXVII Maratón Fotográfico do Campus pon o foco no outono

O Maratón Fotográfico do Campus de Lugo virou cara ao outono os obxectivos dos 30 afeccionados á fotografía que tomaron parte na vixésima sétima edición deste certame artístico, unha iniciativa desenvolvida o pasado domingo ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello e Deputación de Lugo, e cuxos aspirantes optan a facerse con algúns dos tres premios establecidos pola organización e que suman un importe global de 900 euros.
O representante do grupo cinematográfico Fonmiñá, Eduardo Ochoa, que tamén coordina o Maratón Fotográfico do Campus, e a encargada da Área de Cultura da USC na sede universitaria luguesa, Paloma Lugilde, foron os encargados de dar a benvida ás persoas inscritas nesta convocatoria do certame fotográfico Casa do Saber de Lugo, onde deron conta do tema proposto pola organización, ao tempo que tamén se informou das pautas que debían cumprir as imaxes presentadas a concurso, así como da data do fallo do xurado, unha resolución que se fará pública o 22 de decembro na Biblioteca Provincial de Lugo, na sesión inaugural dunha escolma de imaxes deste maratón. Esta exposición, da que formarán parte as 18 fotografías máis valoradas polo xurado, permanecerá aberta ao público ata o 27 de xaneiro de 2022.
Premios
A cerimonia de entrega dos premios do XXVII Maratón Fotográfico do Campus de Lugo celebrarase conxuntamente coa apertura da mostra, nun breve acto no que tamén se entregará un diploma acreditativo a todo o público que tomou parte nesta xa consolidada convocatoria artística.
O XXVII Maratón Fotográfico do Campus contempla tres galardóns para as imaxes máis valoradas polo xurado, que outorgará o Premio Carlos Valcárcel, dotado con 350 euros, trofeo e diploma, á mellor fotografía desta edición do certame. O Premio Eduardo Ochoa, dotado con 300 euros, trofeo e diploma, distinguirá a mellor fotografía do tema proposto pola organización, mentres que a imaxe máis valorada polo xurado das presentadas na modalidade de tema libre recibirá unha gratificación en metálico de 250 euros, ademais de trofeo e diploma.
