Pasar al contenido principal

O Ideatón polos ODS desenvolverase do 19 de novembro ao 17 de decembro

Ideatón polos ODS é un proxecto cuxa andaina comezou hai tres anos e que achegou centos de solucións grazas á participación dos distintos centros universitarios de toda España. FOTO: Santi Alvite
Ideatón polos ODS é un proxecto cuxa andaina comezou hai tres anos e que achegou centos de solucións grazas á participación dos distintos centros universitarios de toda España. FOTO: Santi Alvite
Os talleres serán en formato mixto, presenciais e en liña, e están abertos á participación cidadá para ofrecer solucións que permitan alcanzar a Axenda 2030
Santiago de Compostela

A Fundación Cibervoluntarios en colaboración co Plan de Desenvolvemento Sostible da USC, e tras o éxito da celebración doutros Ideatóns noutras universidades, celebrará o Ideatón polos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) entre o 19 de novembro e o 17 de decembro. O Ideatón está aberto á participación, especialmente das persoas máis novas, para resolver problemas concretos de entidades locais, co fin de crear accións de innovación social que axuden aos demais e a mellorar o mundo.

Este evento xa é un referente estatal e conta co apoio de Nacións Unidas, Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e INJUVE. Neste caso, os talleres serán en formato mixto (presenciais e en liña), e están abertos á participación cidadá para ofrecer solucións para alcanzar a Axenda 2030. A xornada inicial do 19 de  novembro é presencial e desenvolverase no Centro de Estudos Avanzados, mentres que a derradeira, o 17 de decembro, será en liña. Os Ideatóns teñen unha parte de traballo guiado e outra de traballo en equipo onde as entidades locais e as persoas que participan únense para concretar as accións con impacto social que serán máis eficaces para resolver as iniciativas que expuxeron ao comezo. Calquera pode inscribirse de balde entrando en www.ideaton.org Grazas a todas as ideas que se traballen nestas xornadas de innovación social, axudarase a centos de entidades sociais para crear conxuntamente un Plan de Acción.

“Este espazo está dirixido a todas aquelas persoas que sintan interese polos ODS da Axenda 2030 e que queiran poñer o seu grao de area para cambiar o mundo”, apuntan dende o Plan de Desenvolvemento Sostible da USC. Ideatón polos ODS é un proxecto cuxa andaina comezou hai tres anos e que achegou centos de solucións grazas á participación dos distintos centros universitarios de toda España.

Cartel do Ideatón
Cartel do Ideatón
Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.11.2021.