Pasar al contenido principal

Ciencia Singular

20.11.2021 | 10.00h

A Rede de Centros Singulares de Investigación (RCSI) da USC especializados en química, física, tecnoloxías intelixentes e medicina molecular abre as súas portas o vindeiro día 20 para amosar o máis destacado dá súa actividade investigadora.

Ciencia Singular. Xornada de Portas Abertas
Ciencia Singular. Xornada de Portas Abertas

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) ofrecerán a posibilidade de coñecer in situ os seus espazos, conversar con parte do seu persoal investigador, entrar nos laboratorios e xogar a ser científico e científica por un día nesta xornada aberta á sociedade na que os participantes terán ocasión de tocar as entrañas da ciencia. O obxectivo desta iniciativa consiste en espertar vocacións científicas entre os máis novos e que a sociedade se sinta máis próxima á actividade científica, a respecte, a valore e contribúa ao seu desenvolvemento. 

Charlas divulgativas

Os científicos do CiQUS abrirán as portas dos seus laboratorios para manter encontros de proximidade cos asistentes. Durante a actividade ‘Conversas cos nosos investigadores’, Diego Peña, María Tomás, Moisés Gulías, Rebeca García, Francisco Rivadulla, Ester Polo, Eddy Sotelo e Manuel Ortuño permitirán coñecer de preto o traballo que desenvolven habitualmente no centro e os últimos avances nos seus respectivos campos.

O programa do CiMUS contempla entre as súas accións charlas divulgativas sobre as claves do xigantismo e novas abordaxes da man de Clara Álvarez; permitirá saber, grazas a Ángel Carracedo, que é e por que é importante a medicina personalizada; Fernando Domínguez responderá á pregunta de se o cancro é unha enfermidade hereditaria; e afondarase en por que durmimos, da man de Olga Barca. A programación poderá seguirse tanto de maneira presencial, en directo, como en streaming a través da súa canle de Youtube.

Pola súa banda, o CiTIUS acollerá ao longo do día distintas conferencias que achegarán a investigación desenvolvida no centro a todos os públicos, incluíndo temáticas como a relación entre a Intelixencia Artificial, as imaxes e a saúde (María José Carreira), o agrupamento automático de condicións hidrográficas nas rías galegas (David Losada), a reflexión sobre o final dunha era coa chegada dos supercomputadores ‘Exascale’ (Juan Carlos Pichel) ou a importancia crucial do desenvolvemento de chips (Paula López).

O programa do IGFAE ofrecerá distintas charlas divulgativas de Cristina Cabo, Xabier Cid, José Edelstein e Verónica Villa que abordarán dende a orixe do universo ata a recente detección de ondas gravitacionais, pasando polo nacemento da física nuclear e o descubrimento de partículas en aceleradores como o CERN; charlas que se retransmitirán en directo a través da canle de Youtube do IGFAE para quen non poida achegarse ao centro.

Científic@ por un día

‘Xogando coa química’ é a acción do CiQUS dirixida aos máis pequenos da casa mediante obradoiros nos que poderán descubrir a química dos polímeros ou a importancia que teñen os cambios de cor na química. Tamén poderán observar diversos fenómenos luminiscentes e entender como suceden; ademais de realizar coas súas propias mans algúns dos experimentos máis divertidos. Por outro lado, na aventura ‘Infiltrados no Laboratorio’, os e as asistentes coñecerán de primeira man o emprego de técnicas habituais e o funcionamento dalgúns dos equipos máis representativos do centro.

Aprender a elaborar un dentífrico natural ou saber máis do pH co que conta a lombarda será posible grazas aos obradoiros de Ciencia Divertida que ofrece o CiMUS. Para os máis maiores ofrecerá obradoiros de divulgación sobre ilusións sensoriais, plaquetas ‘Dr. Jeckyll & Mr. Hyde’ ou autopistas da vida do sistema vascular; e haberá ocasión tamén para cargar mostras en xeles de agarosa.  Para os visitantes máis curiosos que queiran coñecer por dentro o traballo de campo, o CiMUS permitirá entrar na plataforma Innopharma dedicada ao descubrimento temperán de fármacos, ademais de contar cun tour virtual para achegar as súas instalacións.

A principal novidade do CiTIUS nesta quinta edición de Ciencia Singular será a súa aposta polo aliñamento dos demostradores da xornada cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) das Nacións Unidas. Baixo esta premisa, o encontro amosará de que xeito a investigación do CiTIUS está a contribuír co plan mestre, guiadas polo persoal do centro a través de múltiples eidos: dende o desenvolvemento de técnicas que promovan unha Intelixencia Artificial (IA) ética e transparente, ata a presentación de algoritmos de detección e seguimento automático de obxectos, pasando polo deseño de máquinas que entenden a linguaxe humana, ou como integrar unha IA nun circuíto integrado. A visita servirá tamén para achegar a robótica á xente miúda programando un robot, manexando un brazo robótico como os que se empregan na industria, ou competindo contra un coche de Scalextric dotado dunha Intelixencia Artificial.

Os obradoiros e demostracións do IGFAE permitirán coñecer de forma práctica como funcionan as súas instalacións científicas. Para os máis pequenos, o IGFAE desenvolverá un obradoiro no que experimentarán a gravidade no espazo interterestelar e aprenderán conceptos como o espazo-tempo co videoxogo desenvolvido no centro ‘Einstein Rocket’. Os asistentes maiores construirán os seus propios detectores con pezas de Lego e observarán con cámaras de néboa as partículas cósmicas que bombardean constantemente a Terra. O programa da xornada complétase cunha exposición dunha carta de núcleos construída con Legos para visualizar os isótopos dos elementos químicos en tres dimensións.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.11.2021.