Organizada polo Servizo de Participación e Integración Universitaria

En 2021, cúmprense 25 anos da posta en marcha da Oficina do Voluntariado da USC, hoxe Servizo de Participación e Integración Universitaria. Neste cuarto de século, máis de 10.000 universitarias e universitarios colaboraron en preto de 200 actividades propostas por máis de 150 entidades do terceiro sector da nosa comunidade autónoma.
A modo de conmemoración, o Servizo propón unha serie de actos para reflexionar sobre o feito e o que está por facer e mellorar, e tamén para dar as grazas a toda a comunidade universitaria e ao tecido asociativo que propiciou que unha aposta innovadora entre as universidades do Estado alá por 1996 se convertera nun dos servizos que singularizan a calidade da nosa universidade e o seu compromiso co fortalecemento da sociedade civil.
Como parte deles, a Facultade de Dirección e Administración de Empresas do Campus de Lugo acollerá o 25 de novembro a II Xornada de Encontro da comunidade de accións e saberes arredor do rural.
Entre os seus obxectivos, destaca favorecer o deseño de proxectos de aprendizaxe-servizo no ámbito do rural; inserir de forma directa a participación das entidades do terceiro sector no deseño e desenvolvemento de proxectos de aprendizaxe-servizo; dialogar entre todos os axentes participantes sobre as posibilidades da aprendizaxe-servizo como ferramenta de mellora dos proxectos de acción no medio rural; e promover o desenvolvemento de proxectos de aprendizaxe-servizo interdisciplinares e intercampus, apostando pola institucionalización de proxectos de aprendizaxe-servizo.
Programa
- 9.30 Benvida e Introdución.
- 10.15 Exposición de experiencias de aprendizaxe-servizo no territorio galego.
- 12:15 Exposición de experiencias de aprendizaxe-servizo no territorio do Alto Minho.
- 13.30 Xantar.
- 15.30 Mesas de encontro entre colectivos de acción rural, profesorado e estudantado. Abordaxe colaborativa mediante a aprendizaxe-servizo de problemáticas do medio rural.
- 18.00- 19.00 Posta en común das mesas de encontro e peche da xornada.