Pasar al contenido principal

María José Alonso, Premio Nacional de Investigación 2021

María José Alonso
María José Alonso é catedrática de Biofarmacéutica e Tecnoloxía Farmacéutica na USC. FOTO: Santi Alvite
A catedrática da USC foi recoñecida co galardón Juan de la Cierva na área de Transferencia de Tecnoloxía que pon en valor “a excelencia da súa traxectoria científica no ámbito da nanomedicina, así como a súa importante contribución para a adecuada e equilibrada transferencia de tecnoloxía e coñecemento”
Santiago de Compostela

A catedrática do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, María José Alonso, acaba de ser recoñecida co Premio Nacional Juan de la Cierva na área de Transferencia de Tecnoloxía. Con esta distinción que outorga o Ministerio de Ciencia e Innovación recoñécese “a excelencia da súa traxectoria científica no ámbito da nanomedicina, así como a súa importante contribución para a adecuada e equilibrada transferencia de tecnoloxía e coñecemento”. María José Alonso, xefa do grupo Nanobiofar do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), manifestou ao coñecer a nova da concesión, que se trata dun “recoñecemento ao esforzo de máis de tres décadas de traballo, así como ás máis de cen persoas que teñen traballado no meu grupo de investigación durante todo este tempo”.

“Este é un premio dun nivel extraordinario que lle outorga unha maior visibilidade á nosa capacidade e ao noso empeño, ademais de abrir novas perspectivas de colaboración”, engadiu. “A namomedicina é un ámbito transversal que permite a colaboración con outros grupos e coa industria. A difusión que implica este premio pode abrirnos novas portas como grupo, así como ás persoas que integran o meu equipo de traballo”.

Creados en 1982, estes premios son o recoñecemento máis importante de España no ámbito da investigación científica. Teñen como obxectivo recoñecer o mérito daquelas persoas investigadoras españolas que están a realizar un labor profesional destacado de relevancia internacional nas súas respectivas áreas de investigación e campos científicos, e que contribúen excepcionalmente ao avance da ciencia, ao mellor coñecemento do ser humano e a súa convivencia, á transferencia de tecnoloxía e ao progreso da humanidade. A contía total dos premios ascende a 300.000 euros, cunha dotación económica de 30.000 euros para cada unha das categorías. Ademais de María José Alonso, foron recoñecidos na presente convocatoria Francisco José García Vidal, Hermenegildo García Gómez, Montserrat Vilà Planella, Luis Vega González, Jesús Fernando San Miguel Izquierdo, Purificación Muñoz Cánoves, Aníbal Ollero Baturone, Jordi Galí Garreta e Margarita Díaz-Andreu.

Traxectoria

María José Alonso é catedrática de Biofarmacéutica e Tecnoloxía Farmacéutica na USC, onde entre os anos 2006 a 2010 foi vicerreitora de Investigación e Innovación. Traballou como científica visitante na Universidade de París XI, (1986-87), na Universidade de  Angers, Francia (1989) e no  MIT, Estados Unidos, durante 1991-1992 e en 2012.

O seu laboratorio ten tres décadas de experiencia na formulación de  macromoléculas, é dicir, péptidos, proteínas, antíxenos, anticorpos monoclonais e polinucleótidos, utilizando sistemas de administración baseados en  polímeros, alén de ser pioneira en numerosos descubrimentos no campo da nanotecnoloxía farmacéutica e a  nanomedicina. María José Alonso coordinou varios consorcios de investigación financiados pola OMS, a Fundación  Gates e a Comisión Europea.

A profesora Alonso é, asemade, inventora dunha vintena de familias de patentes, a maioría delas con licenza para a industria e parte de varias start-up. Traballou na Controlled  Release  Society (CRS), a sociedade científica líder a nivel mundial na área da liberación controlada de fármacos e a nanomedicina, durante quince anos; e foi presidenta da mesma entre 2017 e 2019. Tamén é editora en xefe de  Drug  Delivery and  Translational  Research, unha revista oficial da CRS, alén de formar parte do consello editorial de máis dunha decena de revistas científicas.

Recibiu máis dunha trintena de premios, entre eles a Medalla á Excelencia en Investigación e Educación outorgada polo Goberno de España, o Premio Jaime I, a Medalla Castelao que concede a Xunta de Galicia, e outros premios outorgados por organismos e fundacións científicas.

É membro do  College  of  Fellows do American  Institute  for  Medical  and  Biological  Engineering (AIMBE) e  Fellow da Controlled  Release Society, membro de dúas academias en Galicia, a Real Academia de Farmacia de España (RANF) e tamén membro da Academia Nacional de Medicina de EE.UU. Recentemente, María José Alonso ingresou na Academia Nacional de Medicina de Bélxica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.11.2021.