A xornada de clausura do ciclo de divulgación científica en galego desenvólvese este xoves, a partir das 19.30 horas, na Casa do Saber de Lugo. A vicerreitora Montserrat Valcárcel clausurará o programa ao remeate das dez intervencións programadas

O evento de divulgación científica DivulgaTerra 2021, unha iniciativa promovida polo Servizo de Normalización Lingüística da USC xunto coa Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para dar a coñecer o traballo desenvolvido polas investigadoras e investigadores do Campus Terra da USC, ademais de potenciar e poñer en valor o galego como lingua da comunicación científica, chega este xoves ao seu colofón, a partir das 19.30 horas, na Casa Saber, cunha nova palestra de faladoiros científicos que permitirá a dez investigadores e investigadoras da sede universitaria luguesa dar conta do seu particular menú científico.
O programa da segunda xornada do DivulgaTerra 2021 afondará tamén sobre as mesmas áreas temáticas, que capitalizan en grande medida a acción do I+d+i do Campus Terra. Daquela, Manuel Souto Herrero tratará o progresivo deterioro do monte na charla ‘Quedaremos sen amieiros?’. A xestación do gando vacún centrará a intervención ‘Máis aló dunha cunca de leite’, a cargo de Uxía Yáñez Ramil, mentres que a alimentación destas animais será protagonista do relatorio de Jorge Prieto Vilaboa, que leva por ttulo ‘As vacas comen máis que herba?’´
María Rodríguez Domínguez abordará neste foro o benestar das vacas leiteiras, ao tempo que reflexionará sobre se a produción ecolóxica constitúe unha alternativa ao respecto. O gando vacún tamén será obxecto das charlas de Marcos Fernández Vilela, quen achegará datos respecto da incidencia do vacún de carne ao cambio climático en Galicia, e de David García Dios, quen baixo o título ‘Intrusos na panza’, achegará ao público aos parasitos dixestivos que afectan a ruminantes silvestres e domésticos.
Xa de volta ao monte, Lara Rouco Méndez guiará unha viaxe pola industria forestal a través do faladoiro ‘A cor do papel’. A importancia dos refugallos da comida que a diario deixamos no prato cando se trata de comer peixe será o obxecto da charla ‘Esqueletos a escena!’, a cargo de Ana Manuela de Azevedo.
Saskia Camile Flament Simon trasladará o foco da sesión ao ámbito do ensino e das ciencias sociais a través do faladoiro ‘Proposta para aprender facendo en Bioloxía no Bacharelato’, unha intervención á que sucederá outra dunha área temática afín ás ciencias sociais, a cargo de Tamara López Fernández, que pechará o DivulgaTerra 2021 co faladoiro ‘Chamábanlles “incorrixibles”. O Tribunal Tutelar de Menores de Lugo no franquismo.
Ao remate desta quenda de faladoiros, a vicerreitora de Coordinación do Campus Terra, Montserrat Valcárcel, intervirá nun breve acto de clausura da última edición do ciclo DivulgaTerra, no que tamén participará o deputado provincial Roberto García Pernas.