Pasar al contenido principal

Xornadas 'Lugo, cidade universitaria sostible'

02.12.2021 | 19.00h

Casa do Saber

O vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da USC, Gumersindo Feijoo Costa, abre un programa de sensibilización sobre os ODS promovido pola USC xunto coa UNED que continuará o venres cunha charla sobre universidade sustentable

Cartaz das xornadas
Cartaz das xornadas

O vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da USC, Gumersindo Feijoo Costa, abrirá este xoves 2 de decembro, ás 19.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o ciclo de divulgación e sensibilización social sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) ‘Lugo, cidade universitaria sostible’, co relatorio ‘Na busca da cidade sustentable’.

Este programa, que constitúe a primeira iniciativa impulsada conxuntamente entre a Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo e o centro UNED Lugo, responde ás pretensións das dúas institucións académicas implicadas de facer visible o seu fondo compromiso co cumprimento dos ODS, así como como resto das premisas incluídas na axenda 2030.

O ciclo ‘Lugo, cidade universitaria sostible’ terá continuidade o venres 3 de decembro coa conferencia ‘A universidade sustentable’, programada tamén ás 19.00 horas, na sede luguesa da UNED. A vicerreitora de Internacionalización da UNED, Laura Alba Juez, e a coordinadora do Observatorio dos ODS da Universidade Nacional de Educación a Distancia, Teresa Lorenzo Garrido, serán as encargadas de abordar o futuro sustentable das universidades na charla que ofrecerán nas instalacións do centro asociado da UNED en Lugo.

O acceso para participar como público en calquera dos dous relatorios é libre e de balde ata completar aforo. As persoas interesadas deben formalizar previamente a súa matrícula a través do formulario xa habilitado en liña. Asemade, tamén será posible seguir estas intervencións de xeito telemático a través das canles habilitadas para tal efecto pola USC e a UNED.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.12.2021.