Pasar al contenido principal

USC Editora renova a súa certificación ISO 9001 de sistemas de xestión da calidade

O selo conta cun elenco estable de 19 editores internos. FOTO: Santi Alvite
O selo conta cun elenco estable de 19 editores internos. FOTO: Santi Alvite
O resumo executivo da auditoría salienta “os excelentes resultados obtidos nas enquisas de satisfacción de autores e distribuidores” deste selo xestionado dende o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico
Santiago de Compostela

O selo ‘USC Editora’ acaba de renovar a súa certificación segundo a norma ISO 9001:2015 de sistemas de xestión da calidade. O informe final da auditoría de seguimento realizado recentemente destaca que “o Sistema de Xestión da Calidade cumpre cos requisitos da norma e co resto de criterios da auditoría”, ademais de considerar que se atopa “adecuadamente implantado”. En relación á situación do ano anterior, cando se rexistrou un atraso nalgunhas actividades relacionadas co sistema de xestión de calidade pola pandemia, a auditoría constata “unha clara melloría”.

O resumo executivo da auditoría salienta ademais como puntos fortes do sistema o “uso de aplicacións dixitais asociadas ao proceso de solicitude, revisión e edición, que permiten trazar todo o fluxo do proceso dende a solicitude ata a publicación en soporte físico e dixital; os excelentes resultados obtidos nas enquisas de satisfacción de autores e distribuidores e a mellora no proceso de comercialización a través do comercio electrónico, coa redacción dun manual de procedemento Open Monograph Press-Xecommerce”.

USC Editora, que conta coa certificación ISO 9001 dende 2014, é un selo comercial, rexistrado como marca europea, que dá cabida a seis series editoriais (Académica, Clave, Ensaio, Manuais, Textos, Cuadernos  de Español como Lengua Extranjera) sometidas a un sistema propio de avaliación por pares externos á USC. O selo conta, ademais, cun elenco estable de 19 editores internos, que someten os orixinais a unha avaliación previa. USC Editora garante o nivel das obras que se editan baixo a súa marca e constitúe un compromiso de prestixio, recoñecemento e calidade editorial. Neste sentido, a dirección do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico ten previsto, como obxectivo de calidade do sistema para 2022, unha campaña de difusión e dinamización entre o PDI do selo de calidade USC Editora.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.12.2021.