Pasar al contenido principal

O inverno boreal comeza o martes 21 de decembro ás 16.59 horas

O inicio do inverno coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro. FOTO: Santi Alvite
O inicio do inverno coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro. FOTO: Santi Alvite
O outono foi seco na contorna de Compostela, segundo explicou o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo
Santiago de Compostela

Este martes 21 de decembro dá comezo o inverno boreal ás 16.59 horas. A estación vaise prolongar ata o 20 de marzo ás 16.33, momento no que se iniciará a primavera. A estación invernal no hemisferio norte é a de menor duración con 88,98 días, fronte aos 89,86 do outono; 92,75 da primavera e os 93,66 do verán. O inicio do inverno coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose neste intre a mínima declinación solar (-23º4 con respecto ao Ecuador Celeste), “o que ten como consecuencia que teñamos o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de 9 horas na nosa latitude”, explicou o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo. “Porén as tardes xa comezaron a medrar dende o pasado día 7, mentres que as mañás seguirán minguando ata Reis. Isto débese a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio e non no Sol verdadeiro”, engade o profesor Docobo.

Na noite do 3 ao 4 de xaneiro vaise producir o máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas —con radiante preto da Osa Maior—, e neste último día tamén pasará a Terra polo perihelio, mínima distancia ao Sol (147 millóns de quilómetros). Ademais, Mercurio vai estar en boas condicións de poder ser observado a simple vista logo do solpor ata finais de xaneiro, mellor en torno a Reis, pasando logo ao amencer. Durante toda a nova estación, Venus, que agora estase vendo a primeiras horas da tarde-noite cara ao suroeste xunto con Xúpiter e Saturno, será o luceiro matutino a partires de mediados de xaneiro. “Marte estará no amencer, Saturno ata mediados de xaneiro seguirase vendo na tardiña con Xúpiter pero este último aínda será visible logo do solpor ata finais de febreiro, logo ambos os dous pasarán ao amencer”, engade o profesor Docobo.

O actual escenario de visualización de varios planetas logo do solpor vaise consolidar nas vindeiras tres semanas coa aparición tamén de Mercurio, engadíndose a Lúa á aliñación planetaria a comezos de 2022. Estes días é posible tentar observar con prismáticos o cometa Leonard debaixo de Saturno entre as 19.00 e as 19.30 horas. “Non haberá eclipses na estación que agora comeza. Teremos que agardar ata o 16 de maio para contemplar unha total de Lúa”, explica Docobo.

Outono seco

Dende unha perspectiva meteorolóxica, o outono que agora remata foi seco na área de Compostela con 8,6 litros/m2 nos últimos días de setembro; 144,7 l/m2, en outubro; 54,4 l/m2, en novembro; e 106,0 l/m2, ata o 20 de decembro, o que dá un total de 313, 7 litros/m2, “pouco máis que aquel outro outono de 1998 no que se mediran 303,1 l/m2”, comenta Docobo. Son chamativas as precipitacións de novembro moi por debaixo da media deste mes que adoita ser un dos mais chuviosos na contorna de Compostela con anos nos que se teñen recollido 530 l/m2 (no ano 2000), 507 l/m2 (2002) ou 432 l/m2 (2019), ás veces chovendo todos os días do mes. Aínda así houbo outros máis secos como o novembro de 2001 con só 15,9 l/m2, ou o de 2015 cando se recolleu unha cantidade semellante á deste ano, 53 l/m2.

“En canto ás temperaturas, os 19º graos medidos en Santiago o pasado día 14 de decembro non poden ser considerados como algo rarísimo, dado que, por exemplo, nos anos 2010 (19º9) e 2019 (19º5) téñense acadado temperatura similares”, explica Docobo. O 31 de decembro de 2018 a máxima fora de 18º. O mesmo pode dicirse de novembro, cuxa máxima este ano de 19º9 (día 20) foi claramente superada noutras ocasións como en 2011 (22º3 o día 12) ou en 2012 (22º4 o día 15).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.12.2021.