Pasar al contenido principal

O III Certame de Videocreación do Campus distingue con 1.200 euros os proxectos ‘Derivas’, ‘S.A.E.’ e ‘Cian’

De esquerda a dereita, Varela Zapata, Montserrat Valcárcel, Felipe Rivas, Carmen Sarceda e Loli Fernández
De esquerda a dereita, Varela Zapata, Montserrat Valcárcel, Felipe Rivas, Carmen Sarceda e Loli Fernández
O xurado outorga o galardón Isidro Novo á proposta ‘Derivas’, presentada por Ignacio Castro, Baldo Ramos e Mano Ponferreteiro; Carmen P. Granxeiro recibe o premio á mellor linguaxe visual por ‘S.A.E. e Cristina Sánchez gaña o ‘Araceli Herrero’ con ‘Cian’
Lugo

O III Certame de Videocreación do Campus de Lugo, un certame audiovisual promovido pola Área de Cultura do Campus de Lugo da USC ao abeiro do convenio Lugo Cultural a fin de dar visibilidade ás novas linguaxes e dotado con 1.200 euros en premios, distinguiu este luns as tres mellores propostas presentadas a concurso no marco dunha cerimonia celebrada no auditorio da Casa do Saber, onde todo o público interesado tivo a ocasión de visualizar todos os traballos presentados a un concurso a través do que se busca poñer en valor as diferentes linguaxes artísticas.

O xurado encargado de fallar os premios do III Certame de Videocreación, un tribunal integrado por Bruno López Rodríguez e Loli Rodríguez, familiares de Isidro Novo, así como polo xornalista e gañador do Premio Nacional de Narrativa 2021, Xesús Fraga, salientou a calidade e o marcado carácter creativo dos 11 traballos presentados á última edición deste certame.

Unha vez avaliadas todas as candidaturas, o xurado acordou outorgar o Premio Isidro Novo á mellor linguaxe literaria ao proxecto ‘Derivas’, de Ignacio Castro, Baldo Ramos e Mano Panforreteiro. O galardón que distingue a proposta con mellor linguaxe visual recaeu en ‘S.A.E’, de Carmen Pérez Gonzalez Granxeiro. O xurado acordo distinguir esta creación polo seu manexo de imaxes, que, xunto con recursos sonoros, crea unha atmosfera distópica na que, non obstante, non é difícil recoñecer un posible futuro para o planeta de non poñer en marcha políticas reais fronte ao quecemento global. Este discurso aproveita os matices expresivos do formato audiovisual para trasladar unha potente mensaxe ecoloxista, sosteñen os membros do xurado.

O Premio Araceli Herrero á mellor comunicación recaeu en ‘Cian’, unha peza de Cristina Sánchez Legido que integra nunha mesma composición e de xeito enriquecedor diferentes linguaxes como a videocreación, a poesía, a danza e o cromatismo pictórico. De feito, o xurado valorou neste caso a capacidade da autora para crear en pouco máis de tres minutos de duración unha síntese na que conflúen movemento, cor, natureza e palabra, nunha ollada intimista arredor dos sentimentos.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo de Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata; a decana da Facultade de Formación do Profesorado, Carmen Sarceda Gorgoso; o concelleiro de Educación do Concello de Lugo, Felipe Rivas, e familiares de Isidro Novo serán as persoas encargadas de entregar os premios aos autores da candidaturas galardoadas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.12.2021.