O Consello de Goberno aproba novas axudas para o alumnado do Servizo Universitario de Residencias

Co obxecto de poñer en marcha accións de apoio económico ao estudantado e garantir a igualdade de oportunidades das familias con menos recursos, o Consello de Goberno deu luz verde este martes á convocatoria de bolsas de comedor para o alumnado aloxado no Servizo Universitario de Residencias (SUR) no presente ano académico. Esta convocatoria súmase ao amplo programa de axudas que a USC desenvolve para paliar os efectos da pandemia en estudantes cunha situación económica, social ou familiar que poida influír negativamente na continuidade dos seus estudos universitarios. Así, a institución xa publicara a comezos de outubro tres convocatorias centradas no préstamo de material informático, na emisión de bonos de comedor, así como no cofinanciamento de servizos de internet, tal e como xa sucedera en cursos anteriores por mor da COVID-19.
No marco destas axudas, a institución compostelá puxo este curso a disposición do alumnado 200 ordenadores portátiles, 150 dispositivos router con conexión a internet móbil 4G dotados de tarxeta SIM, 90 cámaras web e 500 plans de datos. Ademais, destináronse 100.000 euros ás axudas para bonos comedor, así como para favorecer a conexión á docencia virtual.
A nova convocatoria aprobada este martes e impulsada dende a Vicerreitoría de Estudantes e Proxección Internacional céntrase de xeito específico no alumnado residente no SUR e contempla axudas que oscilan dende os 200 ata os 1.700 euros. A contía da bolsa que lle corresponde a cada solicitante virá determinada pola Renda Persoal Dispoñible.
Titulacións
No capítulo de titulacións, o Consello de Goberno aprobou o calendario de planificación académica para o vindeiro curso e que dará comezo o vindeiro 17 de xaneiro coa apertura da aplicación Xescampus para que os centros cubran o Plan Docente Anual (PDA). O calendario finaliza coa data límite para a aprobación da programación docente das materias nos centros e publicación na web institucional da USC o 6 de xuño de 2022.
Os criterios e o calendario para a presentación de novas propostas de titulacións de grao, máster universitario e programas de doutoramento, así como de modificacións substanciais das memorias de títulos ofertados, para a súa implantación no curso 2023-2024, foi outra das cuestións abordadas na xuntanza. De acordo co previsto na Programación Plurianual 2019-2022, as propostas de novas titulacións e de modificacións deberán adaptarse ás demandas e retos da sociedade; así como mellorar a oferta formativa da institución, entre outros criterios.
No capítulo relativo á oferta docente, tamén se abordaron as propostas de modificacións non substanciais de plans de estudos de grao e máster para a súa implantación no curso 2022-2023. En concreto tratáronse as propostas correspondentes aos graos en Bioloxía, Biotecnoloxía, Criminoloxía, Enxeñaría Química, Linguas e Literaturas Modernas (Italiano), Matemáticas, Veterinaria, así como o mestrado en Servizos Culturais.
O Consello aprobou tamén diversas memorias de estudos propios; así como a adscrición funcional a efectos de docencia das materias de titulacións de grao e máster a áreas de coñecemento.
Cátedras
A renovación da Cátedra Institucional Juana de Vega de Formación e Investigación foi tamén aprobada polo órgano colexiado. Esta cátedra da USC e da Fundación Juana de Vega céntrase en fomentar a docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento e difusión dos coñecementos nos campos da presenza do pensamento ilustrado e liberal na Galicia contemporánea, atendendo á achega das mulleres no ámbito público e privado e especificamente á vida e obra de Juana de Vega e das iniciativas e os procesos modernizadores do agro galego dende o século XIX.
Doutra banda, aprobouse a creación da Cátedra institucional de implantoloxía avanzada GALIMPLANT, froito da colaboración entre a USC e esta empresa dedicada á fabricación e comercialización de materiais dentais relacionados coa implantoloxía, próteses dentais e materiais rexenerativos, entre outros. O acordo permitirá fomentar a docencia, a investigación, a difusión dos resultados e coñecementos no campo da implantoloxía dental e a rexeneración ósea, e especificamente no estudo de novos deseños de sistemas de conexión prostodóntica, nas alternativas de implantes en situacións de extrema reabsorción ósea e na actividade osteoconductora e osteoinductora dos novos materiais mesoporóticos (sílica mesoporosa) na rexeneración ósea guiada en implantes dentais.
Tarifas
A proposta de actualización de tarifas do exercicio económico 2022 completou a orde do día xunto cos capítulos dedicados a asuntos económicos e convenios. Así, propúxose para a súa aprobación a relación de tarifas polos servizos que prestará o Servizo de Radioloxía da atención clínica do Grao de Odontoloxía, así como a determinación de novas tarifas de cesión de espazos no edificio Emprendia. O resto de centros da USC continúan prestando servizos coas tarifas que foron aprobadas en 2021.
