Pasar al contenido principal

Novas tácticas antitumorais que actúan sobre as células nai do cancro, recoñecidas na convocatoria CaixaResearch Consolidate

O grupo MetBioCat dirixido polo profesor Mascareñas é xa un referente polos seus desenvolvementos na área da química biolóxica
O grupo MetBioCat dirixido polo profesor Mascareñas é xa un referente polos seus desenvolvementos na área da química biolóxica
A investigación liderada polo catedrático da USC José Luis Mascareñas é un dos catro proxectos de investigación biomédica seleccionados ao abeiro destas axudas que apoian iniciativas innovadoras e maduras que conten cun sólido plan de valorización
Santiago de Compostela

A identificación de novos compostos que alteran e comprometen a respiración mitocondrial nas células nai de cancro, levada a cabo polo grupo do catedrático José Luis Mascareñas no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), é un dos catro proxectos de investigación biomédica que acaban de ser seleccionados ao abeiro da convocatoria CaixaResearch Consolidate 2021. O desenvolvemento destas novas tácticas que actúan sobre as células nai do cancro, diminúen o seu potencial para promover e rexenerar tumores. A nova axuda permitirá ao equipo realizar unha serie de estudos adicionais co obxectivo de validar a tecnoloxía en modelos preclínicos de diferentes tumores xerados polas células nai do cancro e facilitar, deste xeito, o seu acceso ao mercado.

Ademais de recibir un apoio económico de ata 300.000 euros, cada proxecto seleccionado contará coa axuda de mentores para definir os seus plans de desenvolvemento e comercialización de forma personalizada e acompañamento experto en materia de transferencia de tecnoloxía, ferramentas de financiamento ou negociacións. Esta convocatoria da Fundación ‘La Caixa’ apoia proxectos innovadores e maduros na área da saúde e que conten cun sólido plan de valorización.

Talón de Aquiles

As células nai de cancro son as principais responsables de iniciar o tumor, formar a metástase e resistir os tratamentos. Moitas quimioterapias utilizadas para combater o cancro non conseguen eliminar as devanditas células nai, en parte, debido á elevada plasticidade que presentan estas células, unha propiedade que aproveitan para adaptarse, resistir ao tratamento e continuar expandíndose. Agora ben, as células nai de cancro dependen da respiración mitocondrial para sobrevivir e evadir as defensas do sistema inmune, o que a nivel metabólico representa un talón de Aquiles.

O grupo do profesor Mascareñas traballa de maneira conxunta co equipo que dirixe Bruno Sainz no Instituto de Investigacións Biomédicas ‘Alberto Sols’ (IIBM CSIC- UAM) na identificación de novos compostos que comprometan a respiración mitocondrial. Os resultados obtidos ata o de agora en células nai de cancro pancreáticas e en modelos preclínicos de enxertos de tumores de pacientes, demostran unha potente actividade antitumoral, mentres que os estudos in vivo suxiren unha baixa toxicidade asociada a estes compostos de tipo metálico.

Neste senso, o grupo do profesor Sainz xerou importantes avances na área da bioloxía celular e, actualmente, está a explorar distintas maneiras de alterar os requisitos metabólicos das células nai de cancro. Pola súa banda, o grupo MetBioCat dirixido polo profesor Mascareñas é xa un referente polos seus desenvolvementos na área da química biolóxica, entre os que se atopa o deseño de complexos metálicos baseados en rutenio que son capaces de actuar de maneira selectiva sobre o ADN.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.12.2021.