Pasar al contenido principal

A sustentabilidade reforza a conexión do Campus co tecido produtivo e empresarial da man da Deputación de Lugo

A sede universitaria luguesa atópase fondamente aliñada cos ODS, salienta Montserrat Valcárcel, para logo precisar que esta implicación está xustificada polas principais liñas e áreas de investigación do Campus de Lugo
A sede universitaria luguesa atópase fondamente aliñada cos ODS, salienta Montserrat Valcárcel, para logo precisar que esta implicación está xustificada polas principais liñas e áreas de investigación do Campus de Lugo
O apoio económico achegado polo ente provincial permite á sede universitaria luguesa facer visibles as súas principais liñas de I+D+i ligadas ao sector primario e avanzar na transferencia de coñecemento e de servizos tecnolóxicos aos produtores
Lugo

A bandeira da sustentabilidade ten revitalizado en 2021 a conexión do Campus de Lugo co sector produtivo e co tecido empresarial grazas ao apoio económico recibido da Deputación Provincial de Lugo en virtude do convenio interadministrativo que mantén coa USC. Estas achegas, cuxo importe na presente anualidade se sitúan en preto do 30.000 euros, permitiron asemade á sede universitaria luguesa facer máis visibles as súas principais liñas de investigación, ademais de presentar a ampla carteira de servizos tecnolóxicos que pode ofrecer aos produtores a fin de mellorar a rendibilidade das súas explotacións.

A constante transferencia do coñecemento e da I+D+i que se desenvolve no Campus de Lugo aos axentes e protagonistas da súa contorna produtiva tivo en 2021 dous episodios singulares, como son os foros monográficos sobre sustentabilidade e novos retos do sector primario. Estes encontros de análise e debate de ideas con responsables empresariais e tamén como representantes da administración local, gandeiros, asociacións e, entre outros, con directivos de cooperativos agrogandeiras, intercambiar impresións sobre as distintas problemáticas e necesidades que presentan os seus respectivos sectores de actividade, ademais de ampliar o coñecemento sobre as posibilidades que depara a actividade formativa e investigadora da USC en aras a establecer sinerxías ou futuras liñas de cooperación máis concretas.

A palestra sobre sustentabilidade, un dos piares estruturais que vertebra o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados pola ONU, pero que tamén rexerá a axenda agronómica, industrial e económica da Unión Europa ao longo da próxima década, serviu de marco para que a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo expuxera diante de firmas como Coca Cola ou Eroski Vegalsa as potencialidades do Campus Terra da USC neste ámbito.

A sede universitaria luguesa atópase fondamente aliñada cos ODS, salienta Montserrat Valcárcel, para logo precisar que esta implicación está xustificada polas principais liñas e áreas de investigación do Campus de Lugo: produción vexetal e agricultura sustentable; produción e sanidade animal sustentable; alimentación segura e saudable; xestión forestal sostible; biodiversidade e servizos ecosistémicos; cambio climático e tecnoloxías facilitadoras, ómicas e TIC .

A participación de investigadores do Campus de Lugo da USC na elaboración do Plan Forestal de Galicia, así como na elaboración da Lei de Cambio Climático, ou en diversos proxectos Life e outros programas da UE sobre medio ambiente, acción climática e cooperación territorial, dan conta das contribucións que está a facer a USC desde a súa sede luguesa no plano da sustentabilidade. As liñas de I+D activas, relata Valcárcel, abranguen, desde a xestión e valorización do esterco e outros subprodutos agrícolas a controis con drons, big data e intelixencia artificial para medir superficies en tempo real e analizar parámetros que afecten a cultivos, construción en madeira, tecnoloxías específicas en peixe cebra con posibles aplicacións farmacolóxicas e mesmo oncolóxicas.

Estratexia da granxa á mesa

A estratexia da granxa á mesa, considerada como un dos grandes retos do futuro inmediato para avanzar cara á sustentabilidade económica, ambiental e social do medio rural, é outro dos eixes nos que traballa o Campus de Lugo, a fin de contribuír a acadar unha economía circular que vaia desde a produción ata o consumo. Alén desta prioridade, xa recollida no Pacto Verde Europeo, a vicerreitora do Campus de Lugo apuntou a necesidade de acadar un sistema agroalimentario sostible que garanta a saúde e a seguridade alimentaria da poboación, ao tempo que favoreza o coidado e a conservación do medio natural. “Son pezas dun mesmo quebracabezas e todas están interconectadas”, subliña Valcárcel.

Difusión de titulacións e estudantes

A promoción e difusión das titulacións impartidas no Campus de Lugo é outro dos cometidos cos que a Deputación de Lugo se amosa especialmente sensible e que apoia con recursos económicos a través do convenio interadministrativo que mantén coa USC. A disposición destas achegas tivo en 2021 un impacto importante no relativo á difusión do novo grao en Xestión Cultural, unha titulación de nova implantación que permitiu revitalizar a actividade académica na Facultade de Humanidades logo de cubrir a práctica totalidade das prazas ofertadas.

Alén da especial promoción deste novo título de grao, así como das demais titulacións implantadas na sede universitaria luguesa, a estreita colaboración mantida entre USC e Deputación Provincial de Lugo tamén reverteu en accións encamiñadas a favorecer o benestar do novo alumnado universitario de novo ingreso no Campus de Lugo, ao tempo que permitiu desenvolver outras actividades ordinarias necesarias para optimizar o funcionamento da institución académica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.12.2021.