Pasar al contenido principal

As catas realizadas no adro da catedral de Lugo dan continuidade á estratigrafía xa documentada na Domus do Mitreo

Intervención arqueolóxica desenvolvida no adro da catedral de Lugo
Intervención arqueolóxica desenvolvida no adro da catedral de Lugo
Os traballos desenvolvidos permiten descubrir a cimentación da fachada neoclásica da basílica e determinan o trazado dunha calzada que ata o século XVIII conectaba coa Porta de Santiago, segundo o arqueólogo Celso Rodríguez Cao, para quen este enclave agocha “un importante depósito do mundo romano”
Lugo

As catas arqueolóxicas que se están a desenvolver no adro da catedral de Lugo dan continuidade á estratigrafía xa documentada nas escavacións realizadas na Domus do Mitreo, segundo indica o arqueólogo Celso Rodríguez Cao, quen asegura que este enclave situado entre a basílica luguesa e a muralla agocha “un importante depósito do mundo romano”.

As escavacións pouco profundas realizadas ao abeiro desta actuación financiada pola Deputación Provincial de Lugo serviron para localizar a cimentación exterior da fachada neoclásica da catedral de Santa María, segundo precisou Rodríguez Cao. O tamén responsable arqueolóxico destes traballos apuntou que as prospeccións xa feitas, cuxa cota de profundidade apenas chega ata os 2,5 metros, permite asemade delimitar o trazado dunha calzada que ata o século XVIII conectaba o interior do recinto amurallado coa Porta de Santiago.

As perforacións de terreo feitas ao pé da fachada neoclásica da basílica sacaron á luz a cimentación exterior desta edificación, cuxa construción se prolongou durante tres séculos a partir do século XV. Asemade, ao fío dos datos previos xa achegados polo xeoradar e en consonancia cos resultados das intervencións arqueolóxicas practicadas no claustro interior da basílica, esta nova actuación afina aínda máis a delimitación do trazado da cloaca romana.

O responsable arqueolóxico desta intervención sinalou asemade que a cata realizada na parte central do adro catedralicio, que é a máis profunda das tres practicadas, achega información da evolución urbanística da cidade de Lugo desde a época medieval ata a contemporánea en sintonía cos achados xa advertidos en intervencións anteriores.

Rodríguez Cao sinalou neste senso que a cota de profundidade acadada nesta intervención permitiu tamén localizar sepulturas semellantes ás documentadas nas prospeccións feitas nas escavacións da Domus do Mitreo, así como outras edificacións que darían continuidade ás identificadas en actuacións previas na contorna máis próxima.

Este investigador sinalou, non obstante, que, a tenor da información “escasa, pero moi interesante”, que achega esta actuación pouco menos que superficial, todos os indicadores apuntan á existencia dun importante legado do mundo romano en capas inferiores, polo que fai un chamamento a que as distintas administracións se impliquen nunha actuación máis ambiciosa que permita descubrir e poñer en valor o pasado romano da capital luguesa.

Rodríguez Cao supedita así o alcance destas catas arqueolóxicas á posibilidade de dar continuidade a uns traballos que comezaron o pasado luns cos primeiros levantamentos de terra, pero que poderían rematar en breve coa reposición deste material e a colocación das pedras que conforman a superficie.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 18.01.2022.