Pasar al contenido principal

Novas propostas formativas do Espazo de Fotografía para o segundo semestre

Cursos de Fotografía da USC
Cursos de Fotografía da USC
Desenvolveranse entre febreiro e marzo en Santiago e Lugo co obxecto de mellorar a técnica fotográfica. Igualmente organizada pola Área de Cultura, o próximo 31 de xaneiro, o Coro Universitario celebra unha selección de voces masculinas

Tres módulos temáticos conforman a oferta de cursos de fotografía para o segundo semestre de 2021/2022, que a Área de Cultura da USC ten programado desenvolver tanto en Santiago como no Campus de Lugo. Xa está aberto o período de inscrición, trámite que se realizará a través da web.

O Espazo de fotografía de Santiago programa entre febreiro e marzo dous módulos sobre ‘A túa cámara, o caderno de notas para crear a través da imaxe’ e ‘Contar historias. Empregar a linguaxe fotográfica como medio de expresión’, en ambos os dous casos guiados polo Colectivo Ollo. As inscricións para os dous cursos poden formalizarse a través da web. O primeiro dos módulos celebrarase os días 2, 9, 16 e 23 de febreiro e 2 e 9 de marzo, de 16.00 a 20.00 horas na Aula de Informática da Facultade de Dereito. O seu obxectivo é abordar a técnica fotográfica para potenciar a capacidade de expresión do alumnado a través desta linguaxe. Inclúe saídas de rúa e sesións teóricas para a coñecer as fotografías máis importantes da historia.

O segundo dos módulos busca transmitir os coñecementos precisos para que persoas participantes sexan quen de expresarse con voz e estilo propio. Ao alumnado presentaránselle as ferramentas e metodoloxía de traballo que van dende a preprodución á materialización da fotografía no formato máis adecuado. As sesións celebrarase os días 3, 10, 17 e 24 de febreiro e 3 e 10 de marzo na Aula de Informática de Dereito, tamén en horario de 16.00 a 20.00 horas.

Lugo

No Campus de Lugo, o fotógrafo lugués Adra Pallón impartirá dende o 4 de febreiro ata o 18 de marzo o segundo módulo do curso ‘Expresarse a través da linguaxe fotográfica’. As sesións desta actividade serán os venres, de 16.00 a 20.00 horas, na Casa do Saber. As persoas interesadas en tomar parte neste módulo poden formalizar xa a súa inscrición ou solicitar máis información ao respecto a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.gal (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]gal).

O estudantado universitario que tome parte en calquera destas actividades poderá solicitar o recoñecemento dun crédito ECTS.

Coro

A Área de Cultura está organizando tamén as probas de selección de voces, nesta ocasión masculinas, para o Coro da USC. A audición realizarase por Teams, o luns 31 de xaneiro. As persoas interesadas deben enviar un correo electrónico ao director do Coro Remigio Moreira (remigio.moreira [at] usc.es (remigio[dot]moreira[at]usc[dot]es)) para concertar hora de audición.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.01.2022.