Comezan as probas de nivel do Centro de Linguas Modernas para os cursos do segundo semestre

O Centro de Linguas Modernas comeza este mércores a realizar as probas de nivel requiridas para participar nos cursos de idiomas do segundo semestre. As persoas interesadas en acceder á formación en linguas das que posúen coñecementos previos poden inscribirse para a realización destas probas a través da Secretaría Virtual da USC, á que se pode acceder dende a páxina web do CLM.
O primeiro dos test de acceso aos cursos semestrais de inglés no Campus de Santiago será este mércores 26, pero haberá unha segunda quenda o 2 de febreiro.
No caso dos cursos regulares do segundo semestre das diferentes linguas, agás de Español como Lingua Estranxeira (ELE), as probas de acceso para ambos os dous Campus serán o 1, 2 e, 3 de febreiro.
Tamén haberá tests de nivel para os cursos do segundo semestre de Español como Lingua Estranxeira (ELE), que se realizarán entre o 1 e o 8 de febreiro.
E, finalmente, as probas de acceso para as sesión de conversa do segundo semestre terán lugar ao longo do mes de febreiro.
En todos os casos, recoméndase facer os tests na primeira das datas ofertadas, xa que os grupos de formación se pechan ao chegar ás 15 persoas. Os resultados estarán á disposición do alumnado a través da Secretaría Virtual. Estas probas de acreditación de nivel non serán necesarias para aquelas persoas que no curso anterior superasen no CLM ou na Escola Oficial de Idiomas un nivel do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER), pois poderán matricularse directamente no curso inmediatamente superior nos prazos habilitados en cada caso.
As linguas ofertadas no Campus de Santiago neste segundo semestre son alemán, francés, inglés, italiano, español, e catalán, e haberá tamén un seminario de checo no mes de marzo. O Campus de Lugo contará con formación en alemán, francés, inglés, e español.