Pasar al contenido principal

Os beneficios da Dieta Atlántica afiánzanse na restauración galega

Antonio López e David Vilariño asinaron o convenio. FOTO: Santi Alvite
Antonio López e David Vilariño asinaron o convenio. FOTO: Santi Alvite
A Fundación centrada neste tipo de alimentación e promovida pola USC asinou un convenio de colaboración coa asociación de restauradores Lume Atlántico
Santiago de Compostela

A Fundación Dieta Atlántica promovida pola USC e a Asociación Lume Atlántico, integrada por recoñecidos profesionais da restauración galega, traballarán conxuntamente na investigación, promoción e difusión da Dieta Atlántica, e no estilo de vida atlántico. Este é o obxecto do convenio que ambas as dúas entidades asinaron este luns nun acto que tivo lugar no Colexio San Xerome e no que tomaron parte o reitor Antonio López e o presidente da Asociación David Vilariño. Xunto a eles, estiveron presentes os profesores da USC Felipe Casanueva, vicepresidente do padroado da Fundación; Rosaura Leis, presidenta do comité científico; o secretario da Fundación, Carlos A. Gómez Otero; e Pablo García, nutricionista e membro do comité científico.  

O documento contempla a incorporación dos pratos propios da Dieta Atlántica á oferta gastronómica dos establecementos de restauración e hostaleiros da Asociación Lume Atlántico. Ademais, as partes participarán na posta en marcha por parte da Fundación do selo ‘Menú Dieta Atlántica’ obtendo a correspondente acreditación dunha entidade de certificación. “Nós dende a Universidade achegamos a base científica pero vós, os e as restauradoras sodes unha peza moi importante”, sinalou Antonio López en calidade de presidente da Fundación. Pola súa parte, David Vilariño quixo subliñar que é este “un proxecto con moito recorrido”.

A Dieta Atlántica nútrese de alimentos de tempada, locais, frescos e minimamente procesados; de orixe vexetal, produtos do mar, lácteos, carne de porco, vacún, caza e aves; e aceite de oliva. Neste senso, a elaboración de libros de cociña e receitarios con aval científico da Fundación Dieta Atlántica constitúe outra das accións contempladas no convenio.

O estudo e deseño de traballos de investigación e desenvolvemento que teñan como denominador común a Dieta Atlántica; e dar pulo a xornadas de difusión a diversos colectivos e medios de comunicación dos resultados obtidos nos traballos de investigación e desenvolvemento conforman outras das accións acordadas xunto ao impulso de xornadas de formación, demostracións culinarias e de degustación en colaboración coa industria agroalimentaria.

A Fundación Dieta Atlántica ten por obxectivo fomentar o estudo, a investigación e a difusión da Dieta Atlántica para a saúde e o benestar da poboación. Pola súa parte, os socios que integran Lume Atlántico son recoñecidos restauradores galegos que representan os valores da dieta saudable atlántica.

De esquerda a dereita, Carlos Gómez, Rosaura Leis, Antonio López, David Vilariño, Felipe Casanueva e Pablo García. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Carlos Gómez, Rosaura Leis, Antonio López, David Vilariño, Felipe Casanueva e Pablo García. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.01.2022.