Pasar al contenido principal

A obra da escultora Soledad Penalta aborda na Igrexa da USC “as tensións creadas entre o individuo e a sociedade”

Detalle da mostra ‘Soledad Penalta. Palabras Orfas’. FOTO: Santi Alvite
Detalle da mostra ‘Soledad Penalta. Palabras Orfas’. FOTO: Santi Alvite
A artista noiesa conta con numerosos recoñecementos institucionais como o nomeamento en 2018 como académica de número da Real Academia Galega de Belas Artes
Santiago de Compostela

A exposición ‘Soledad Penalta. Palabras Orfas’ conforma “unha intensa reflexión sobre a condición humana, sobre as tensións creadas entre o individuo e a sociedade” a través de dezasete obras nas que se combina o aceiro inoxidable co aceiro corten. Así define esta mostra antolóxica a propia artista cuxa obra está presente en numerosas coleccións de arte, galerías e museos, cunha significativa produción de obra pública na Coruña (1995), Muxía (1995), Pontevedra (1999), Porto do Son (2007) ou Santiago de Compostela (2011, 2022).

A mostra acaba de ser inaugurada na Igrexa da Universidade nun acto presidido polo reitor Antonio López que contou coa presenza da escultora noiesa, así como da vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; Juan Monterroso, comisario da mostra; Mercedes Rosón, concelleira responsable de Acción Cultural no Concello de Santiago; e Santiago Freire Abeijón, alcalde de Noia. A mostra corre a cargo da Área de Cultura da USC, coa colaboración da Deputación da Coruña. Ademais, este proxecto contou coa participación do alumnado do Máster Interuniversitario en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte, organizado pola USC e a Universidade de As Palmas de Gran Canaria.

“A partir dunha linguaxe abstracta, conxugada con referencias figurativas e conceptuais, os seus característicos perfís antropomórficos xorden e desbordan cada un dos seus traballos. Neles, as palabras tomadas de autores como Omar Khayyam ou Jorge Oteiza, crean delicados xogos caligráficos nos que se expresan desexos, inquedanzas, esperanzas e temores”, apuntan dende o comisariado da mostra.

Traxectoria

Nacida en Noia en 1943, a súa traxectoria vital e artística tradúcese nunha interesante evolución dende os seus primeiros traballos en cerámica refractaria ata os traballos en metal –bronce, ferro, aceiro corten e aceiro inoxidable–. Aínda que comeza a súa formación artística entre Galicia e Cataluña, o seu traballo sofre unha profunda transformación entre 1989 e 1991, momento no que realiza unha prolongada estadía en Estados Unidos, concretamente no Studio Art University da Universidade de Minnesota. Será alí onde teña contacto coa fundación e a soldadura de metais, en especial a soldadura de plasma. Tamén son fundamentais nestes anos o coñecemento da obra de artistas como David Smith ou Anthony Caro, referencias que se sumarían ás de Fernández Chiti, Dolores Dors, Greg Conway, Alina Favre Rou Kern ou Setsuko Nagasawa.

Penalta conta con numerosos recoñecementos institucionais como o recente nomeamento como académica de número da Real Academia Galega de Belas Artes (2018) ou os premios da Cultura Galega da Xunta de Galicia e da Crítica de Galicia de Artes Plásticas (2019).

O reitor presidiu o acto inaugural. FOTO: Santi Alvite
O reitor presidiu o acto inaugural. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.02.2022.