Pasar al contenido principal

Aberta a inscrición na masterclass do IGFAE sobre ‘Física de Partículas coas mans’

Cartel da iniciativa
Cartel da iniciativa
Esta xornada achegará o alumnado de bacharelato á carreira investigadora no eido da física e promoverá vocacións científicas entre rapaces e rapazas
Santiago de Compostela

A Masterclass ‘Física de Partículas coas mans’ volve en formato presencial o vindeiro 4 de marzo á USC. Ata 70 estudantes poderán participar nesta xornada organizada polo Instituto galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) por oitavo ano consecutivo, co obxectivo de dar a coñecer ao alumnado o día a día da investigación en física de partículas e espertar futuras vocacións científicas. As inscricións xa están abertas para dous estudantes de 2º de bacharelato por centro educativo neste formulario ata as 23.59 horas do domingo 13 de febreiro. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada ata completar capacidade.

Na masterclass impartiranse unha serie de conferencias introdutorias á Física de Partículas actual. Ademais, farase unha práctica por ordenador en grupos con datos reais dun experimento do CERN e, posteriormente, discutiranse os resultados ‒en inglés, a ter en conta na seleccións do alumnado‒ mediante videoconferencia co CERN e outros dos 13.000 estudantes de 60 países que realicen a xornada simultaneamente.  Na última edición, 75 estudantes ‒coa cifra récord dun 47% de rapazas‒ participaron en liña nesta xornada promovida polo Grupo Internacional de Divulgación de Física de Partículas (IPPOG) e organizada en colaboración coa Sociedade Europea de Física, o CERN e Fermilab.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.02.2022.