Pasar al contenido principal

As tres universidades e a Xunta promoven o acceso do alumnado de FP a titulacións de grao grazas á validación de estudos

Para facer efectivo o recoñecemento, os e as interesadas deberán tramitar a correspondente solicitude de acordo co procedemento establecido en cada universidade. FOTO: Santi Alvite
Para facer efectivo o recoñecemento, os e as interesadas deberán tramitar a correspondente solicitude de acordo co procedemento establecido en cada universidade. FOTO: Santi Alvite
A través deste acordo, o alumnado que teña superado ciclos de grao superior poderá solicitar que se lle recoñezan certos créditos de determinadas materias nun total de 188 graos e catro dobres graos
Lugo, Santiago de Compostela

Os reitores das tres universidades galegas asinaron este martes un convenio coa Consellaría de Cultura, Educación e Universidade para continuar co recoñecemento da correspondencia entre ciclos formativos de grao superior da formación profesional inicial e materias de estudos universitarios que se imparten na USC, na UDC e na UVigo. O reitor da USC Antonio López; o da UVigo, Manuel Reigosa; e o da UDC, Julio Abalde, xunto co conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asinaron o documento que estará en vigor durante catro anos, ata o curso 2024-2025, e que dá continuidade ao acordo formalizado no ano 2017 e que estivo vixente ata o de agora, pero coa conseguinte adaptación á oferta existente nestes momentos.

A través deste acordo, o alumnado que teña superado ciclos de grao superior, e decida continuar estudos nalgunha das tres universidades galegas, poderá solicitar que se lle recoñezan certos créditos de determinadas materias nun total de 188 graos e catro dobres graos, o que representa un incremento de case o 22% respecto aos 151 graos e dous dobres graos recollidos no acordo anterior, de 2017. Deste xeito verán recoñecidos ditos coñecementos como superados. Neste presente curso escolar, preto de 1.500 estudantes que accederon ás universidades galegas fixérono alegando un título de Formación Profesional.   

Para facer efectivo o recoñecemento, os e as interesadas deberán tramitar a correspondente solicitude de acordo co procedemento establecido en cada universidade. No caso das titulacións oficiais de grao que non figuran nos anexos de recoñecemento directo contemplados no convenio, os interesados poderán solicitar a cada universidade o recoñecemento de créditos nas titulacións universitarias oficiais, que serán obxecto de análise individual e non de recoñecemento directo.

O recoñecemento de créditos realízase en función do currículo galego dos ciclos xa superados, polo que se recoñecen os titulados que teñan superado o ciclo superior en Galicia ou en calquera outra comunidade co mesmo currículo en dito ciclos. A nota obtida nos créditos recoñecidos será a nota media do ciclo recoñecido como equivalente a ditos créditos universitarios.

De esquerda a dereita, Julio Abalde, Antonio López, Román Rodríguez e Manuel Reigosa. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Julio Abalde, Antonio López, Román Rodríguez e Manuel Reigosa. FOTO: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.02.2022.