Pasar al contenido principal

Un total de 25 novos vídeos TED, subtitulados en galego grazas ao certame TED-Saúde

Os vídeos de TED (Technology, Entertainment, Design) abranguen intervencións sobre numerosos eidos como  ciencias, arte, deseño, política, educación, cultura, negocios, asuntos globais, tecnoloxía, desenvolvemento ou lecer
Os vídeos de TED (Technology, Entertainment, Design) abranguen intervencións sobre numerosos eidos como ciencias, arte, deseño, política, educación, cultura, negocios, asuntos globais, tecnoloxía, desenvolvemento ou lecer
O Servizo de Normalización Lingüística acaba de dar a coñecer as persoas gañadoras da cuarta edición desta iniciativa, ademais de publicar os traballos nacidos ao abeiro do Obradoiro de Podcast en galego
Santiago de Compostela

As 21 persoas que participaron no TED-Saúde de 2021 conseguiron que 25 novos vídeos relacionados coa área de ciencias da saúde conten con subtítulos en galego. Con estes son xa 149 as charlas TED deste ámbito que teñen versión en lingua galega grazas ao concurso que organizaron as comisións de normalización lingüística (CNL) dos centros da USC que imparten titulacións relacionadas coa saúde: Ciencias, Enfermaría, Farmacia, Medicina e Odontoloxía, Óptica e Optometría, Psicoloxía e Veterinaria. Os vídeos poden verse ademais no propio TED, escollendo como lingua o galego. Tamén están dispoñibles tanto no web do SNL, como na súa canle de Youtube, como en Proxector, o espazo que reúne audiovisuais en galego para a docencia. Pode cumprir nalgúns casos activar a opción de galego nos subtítulos na rodiña da configuración.

O concurso, que tamén conta cun módulo formativo previo para aprender a subtitular na plataforma de tradución, así como para repasar algúns dos erros máis frecuentes na tradución inglés-galego, repartiu 1.200 euros en premios. Na modalidade ‘Participantes da USC’ o 1º premio, de 300 euros, foi para Marta Garrido Novelle, polos subtítulos ‘A errada relación entre a imaxe corporal e a saúde’; o 2º e 3º premios, de 250 e 200 euros, para Sandra Mariño Cortegoso, polos subtítulos de ‘Que é o glutamato monosódico? É realmente perigoso para ti?’ e de ‘Que tipo de leite che vai mellor?’; e o 4º, de 150 euros, para Candela Lafuente López, por traducir ‘Poderías recuperarte dunha enfermidade... coas túas propias células nai?’. Pola súa banda, na modalidade de ‘Participantes alleos á USC’, o premio de 300 euros outorgóuselle a María Rico Vázquez, por subtitular ‘Como o traballo me axudou durante o tratamento contra o cancro’.

Os vídeos de TED (Technology, Entertainment, Design) abranguen intervencións sobre numerosos eidos como  ciencias, arte, deseño, política, educación, cultura, negocios, asuntos globais, tecnoloxía, desenvolvemento ou lecer. Hai  máis de 1.000 charlas TED dispoñibles en liña no sitio web de TED (tamén en YouTube e en iTunes) e é posible subtitulalas en diferentes idiomas. As comisións de normalización lingüística dos centros da USC relacionados con ciencias da saúde, conscientes da escaseza de contidos divulgativos relacionados con esta área en galego, propoñen este concurso para motivar, entre outros destinatarios, o alumnado e o profesorado, especialmente aos dos centros desta grande área de coñecemento, así como os de Filoloxía, para contribuír a crealos mediante a subtitulación de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego.

Obradoiro de Podcast en galego

Nos últimos anos, e acelerado pola situación pandémica, “incrementouse substancialmente a produción e consumo de podcasts, de xeito que existe xa un corpus interesante e variado de podcasts en lingua galega”, apuntan dende o Servizo de Normalización Lingüística. Como formato sinxelo, directo e íntimo, o podcast pode servir para abordar multitude de temas e atraer a públicos moi diversos. Neste senso, a CNL da Facultade de Ciencias da Comunicación organizou o primeiro Obradoiro de podcast en galego co obxectivo principal de contribuír á existencia de recursos dixitais en galego e que foi impartido por creadores de tres coñecidos podcasts neste idioma, que explicaron como enfrontarse a unha primeira peza. Froito deste taller, viron a luz os podcast O camiño ao gol de Breixo Barreiro Mira; A lareira podcast: "Juanucha: Contrabando, guitarras e armas no avión" de Raquel Besteiro Gestoso; O podcast de Sindy e Rush de Sandra Ferreiro García; Cristais de Meraki de Marta Tiago Calzada e Ana Loureiro Sánchez; #1 prazeres de Laura Ramos Cuba; e Literatas de Andrea Mosteiro Sangiao.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.02.2022.