Pasar al contenido principal

O Centro de Linguas Modernas retoma as Andainas Lingüísticas

O CLM retoma as Andainas Lingüísticas. Foto: Santi Alvite
O CLM retoma as Andainas Lingüísticas. Foto: Santi Alvite
A inscrición na primeira delas, que percorrerá a Alameda e o Campus Vida, é de balde e está aberta ata o 22 de febreiro

O Centro de Linguas Modernas da USC reinicia en febreiro o seu programa de andainas lingüísticas, unha iniciativa que conta coa colaboración do Servizo de Deportes e a Fundación USC e que procura ofrecer ás persoas participantes oportunidades para mellorar as súas competencias orais noutras linguas e afondar no coñecemento da nosa contorna mentres practican unha actividade saudable ao aire libre.

A primeira das andainas terá lugar o xoves, 24 de febreiro, das 16.30 ás 18.30 horas, cun percorrido multilingüe pola Alameda e o Campus Vida que terá como punto de partida e fin a estatua das Marías. A inscrición neste paseo é de balde e pode realizarse dende o 15 ao 22 de febreiro na web do Centro de Linguas Modernas.

A seguir, e até o mes de xuño, o calendario de andainas lingüísticas ofrece 8 novos percorridos, cunha frecuencia de dous paseos por mes. O 15 de marzo, as persoas participantes visitarán os parques de Compostela mentres conversan en inglés, e o 24 dese mes achegaranse ao Monte Viso e á lingua galega. En abril, as andainas transitarán polo Monte Gaiás, o día 19 en inglés, e polos parques de Compostela, o día 21 en español. Haberá outros dous percorridos no mes de maio, que transcorrerán pola contorna da Selva Negra, o día 5 en lingua francesa, e entre os ríos Sarela e Lermo, o día 12 en inglés. O programa rematará en xuño cunha visita cun novo percorrido multilingüe polo río Sar o xoves, día 9, e unha visita ao Monte Pedroso, o día 7 en lingua inglesa. O calendario completo e os percorridos detallados están dispoñibles na web da actividade.

A inscrición nas andainas programadas a partir do mes de marzo debe ser realizada na páxina web do Servizo de Deportes da USC. Están abertas a toda a cidadanía e o prezo de cada unha delas é de 4 euros para a comunidade universitaria, 5 euros para o alumnado egresado e 6 euros para o resto de colectivos. Existe tamén un bono de desconto para a comunidade universitaria que permitirá tomar parte en 3 andainas por un prezo de 11 euros.

Todos os paseos contarán coa presenza de integrantes do equipo de coordinación da iniciativa, que inclúe especialistas en deportes e linguas, persoal voluntario e estudantes en prácticas do Mestrado Interuniversitario de Estudos Ingleses Avanzados (iMAES), do Traineeship Erasmus + e do grao de Filoloxía Galega.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.04.2022.