Bioinvestorsday conectará as empresas biotecnolóxicas coa comunidade inversora

BioIncubaTech celebrará o próximo 3 de marzo, a partir das 12.00 horas, o Bioinvestorsday, un evento que servirá de punto de encontro entre empresas biotecnolóxicas e destacados axentes da comunidade inversora. Este foro albergará unha mesa redonda sobre megatendencias en investimento nos ámbitos da biotecnoloxía centrada en saúde e alimentación.
As empresas incubadas en BioIncubaTech serán as protagonistas da xornada expoñendo os seus respectivos proxectos ante este público especializado. O evento Bioinvestorsday diríxese a persoas físicas e xurídicas con capacidade investidora e con interese en colaborar no lanzamento e desenvolvemento de proxectos empresariais. Os investidores e/ou empresas asistentes ao evento interesadas nalgunha das propostas presentadas, terán a oportunidade de celebrar reunións individuais coas mesmas durante o mesmo día do evento ou ao día seguinte.
O prazo de inscrición xa está aberto e as consultas poden realizarse a través do enderezo electrónico bioinvestorsday [at] feuga.es (bioinvestorsday[at]feuga[dot]es) O foro de investimento privado Bioinvestorsday celebrarase como un evento paralelo dentro do programa BIOGALICIASUMMIT que achegará unha visión sobre as últimas tendencias en biotecnoloxía aplicada a saúde e agroalimentación.
Liderado dende a AVTE
BioIncubaTech, incubadora de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias, é un proxecto liderado pola área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, xunto coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e UNINOVA, e está cofinanciado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación. Neste sentido, BioIncubaTech é unha das iniciativas que está incluída dentro da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía que a Xunta de Galicia pon en marcha para o período 2021-2025.
Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional - FEDER dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020 PO Proxecto ‘Incubadoras de alta tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia da tecnoloxía ás micropemes Fundación INCYDE’ - Cofinanciado polo FEDER nun 80%.