A USC elixe reitor, representantes no Claustro e estudantes nas Xuntas de Centro este mércores 23

Logo da xornada de reflexión que se desenvolverá este martes 22 de febreiro, a USC elixirá reitor, representantes en todos os sectores do Claustro Universitario e estudantes nas Xuntas de Centro este mércores 23. As votacións por vía electrónica celebraranse entre as 9.00 e as 19.00 horas. Toda a información relativa aos comicios pode consultarse na web das eleccións.
Os electores/as terán que conectarse a través da súa Secretaría Virtual, ou ben dende a páxina web electoral, na que se habilitará unha ligazón á aplicación de voto. En caso de non poder conectarse, as persoas interesadas deberán poñelo en coñecemento da Comisión Electoral Central ou da Secretaría Xeral a efectos de que se tomen as medidas oportunas para resolver a incidencia, a través da conta de correo evoto [at] usc.es (evoto[at]usc[dot]es)
O proceso electoral consistirá na emisión de votos dende un dispositivo conectado a Internet ata unha urna dixital remota situada nun recinto protexido e baixo a custodia da Comisión Electoral Central da USC. A institución compostelá garantirá que a infraestrutura tecnolóxica que dá soporte ao sistema electoral contemple as medidas de seguridade que permitan o correcto funcionamento durante o período no que se exerce o dereito ao voto, o segredo e a privacidade do votante, a integridade do voto e un escrutinio disociado.