Pasar al contenido principal

O concurso de pintura CreArte abre a súa undécima convocatoria

O xurado encargado da valoración de candidaturas presidirao o decano da Facultade. FOTO: Santi Alvite
O xurado encargado da valoración de candidaturas presidirao o decano da Facultade. FOTO: Santi Alvite
É un certame dirixido a calquera persoa que poderá presentar a súa obra ata as 14.00 horas do 25 de marzo. A obra gañadora recibirá 1.000 euros e pasará a formar parte do patrimonio da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
Santiago de Compostela

O concurso CreArte na Universidade, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, abre a súa undécima convocatoria mantendo a súa aposta pola creación artística e o coleccionismo. Inicialmente dirixido a todos os membros da comunidade universitaria, neste concurso poderá participar calquera persoa, con independencia da súa vinculación coa comunidade universitaria. A obra terá que ter sido creada entre xaneiro de 2021 e marzo de 2022, de temática e técnica libre.

O prazo para a presentación de obras finaliza ás 14.00 horas do 25 de marzo de 2022. Só se poderá presenta unha obra por artista, que deberá ser inédita e non ter sido premiada noutro certame ou concurso. A súa dimensión non poderá ser inferior a 50x50 centímetros nin superior a 120x120 cm (se constate de varias partes, compútase para os efectos da dimensión o conxunto das partes). Cada unha das obras presentarase enmarcada cun listón cun ancho máximo de 3 cm ou sen enmarcar pero sobre un bastidor. Non se admitirán obras protexidas con cristal nin enroladas.

As persoas interesadas en participar nesta convocatoria farán chegar a obra presentada, debidamente protexida, ao Decanato da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais indicando ‘Concurso de pintura CreArte na Universidade’ (Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Avda. do Burgo, s/n. Campus Norte, 15782 Santiago de Compostela). Tamén deberán enviar ao correo electrónico ecoade.decanato [at] usc.es (ecoade[dot]decanato[at]usc[dot]es) dous arquivos, un coa imaxe da obra (formatos JPEG, TIFF, PNG ou PDF) e outro co boletín de inscrición debidamente cumprimentado, indicando no asunto ‘CreArte’. As obras seleccionadas polo xurado formarán parte dunha exposición temporal que se instalará no centro durante os meses de abril e maio de 2022.

O xurado encargado da valoración de candidaturas presidirao o decano da Facultade, e estará composto ademais por membros da comunidade universitaria e da comunidade artística galega. Entre as obras presentadas, deberá decidir cales conformarán a exposición temporal e, entre elas, elixir a merecedora do premio, dotado cun importe en metálico de 1.000 euros, ademais de que a obra pasará a formar parte do patrimonio da Facultade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.02.2022.