Pasar al contenido principal

Abre de novo o campo de fútbol e rugby da USC

Abre de novo o campo de fútbol e rugby da USC
Abre de novo o campo de fútbol e rugby da USC

O reitor Antonio López Díaz presidiu este mércores a reapertura do campo de fútbol e rugby da USC, no que tamén interviñeron o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o alcalde do Concello de Santiago, Martiño Noriega Sánchez; e o presidente da Federación Galega de Fútbol (FGF), Rafael Louzán Abal.

Todos eles coincidiron en destacar a colaboración entre institucións para conseguir e mellorar infraestruturas “coas que toda a cidade sae gañando”, como manifestou o reitor. López, que tivo palabras de recoñecemento para o ex reitor Viaño, “con quen comezou este proxecto”, lembrou que co novo campo se asegura a práctica deportiva da comunidade universitaria pero tamén das persoas federadas, que disporán uns horarios semanais para facer uso do campo. “Trátase de abrir a nosa Universidade ás cidades nas que se asenta”, dixo.

A sesión, que rematou co descubrimento dunha placa conmemorativa na entrada principal do campo, contou tamén coa presenza da vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; da vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin Rei, e da concelleira de Mocidade, Deporte, Mercados e Benestar Animal, Noa Morales Sánchez.

Asistiu tamén á inauguración un nutrido grupo de persoas, usuarias dende sempre das instalacións e amantes do deporte que xusto esta tarde xogarán ás 17.00 horas un partido que enfrontará ao PAS e o PDI –entre eles o reitor compostelán-. Ao remate, terá lugar outro de fútbol 7 entre equipos estudantís.

Reforma integral A reapertura prodúcese logo dunha remodelación destas instalacións deportivas para permitir a súa adaptación tanto para a práctica do fútbol como do rugby. Neste senso, a intervención realizada coa colaboración das administracións local e provincial así como da FGF supuxo o cambio da superficie por unha nova de herba artificial. Igualmente renováronse os equipamentos, incluíndo a instalación de novas porterías para fútbol 7 e 11 e de rugby.

Ademais, na grada inclúese unha nova zona cuberta na parte central e a mellora do sistema de alumeado, agora baseado en tecnoloxía led, de maneira que facilita a iluminación ocasionando á vez os menores prexuízos para as zonas residenciais da contorna ou as observacións do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.12.2018.