Dous investigadores predoutorais do Grupo de Investigación de Estudos Clásicos e Medievais participarán no X Congreso Nacional Ganímedes
Os próximos días 9, 10 e 11 de marzo terá lugar na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Granada (UGR), o Congreso Nacional Ganímedes deste ano, sendo ademais o décimo aniversario deste evento que reúne cada ano a mozos/as investigadores/as relacionados co campo da Filoloxía Clásica. Dous investigadores predoutorais do Grupo de Investigación de Estudos Clásicos e Medievais participarán neste foro.
Por unha banda, Manuel Mayo nunha comunicación titulada 'Ambrosía e néctar: unha cuestión de aves' falará sobre o alimento dos deuses por excelencia na tradición grega, a súa relación coas aves e os seus paralelismos con outras tradicións indoeuropeas; e, por outra, Julia Hombre presentará 'Vida, morte e resurrección nos episodios tebanos das Dionisíacas de Nono de Panópolis', unha comunicación sobre a obra deste autor poético pertencente á antigüidade tardía.