Pasar al contenido principal

O CiQUS conmemora os seus dez anos á vangarda da investigación en química biolóxica e materiais moleculares

No CiQUS traballan máis de 180 persoas de diferentes nacionalidades. Imaxe de arquivo
No CiQUS traballan máis de 180 persoas de diferentes nacionalidades. Imaxe de arquivo
O premio Nobel de Química 2021, David MacMillan, intervirá no marco do I Simposio Química na Fronteira que centra o programa de actividades deste aniversario
Santiago de Compostela

O Centro de Investigación de Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) cumpre dez anos de vida situándose á vangarda da ciencia no ámbito internacional. Co gallo desta celebración, o I Simposio Química na Fronteira que se desenvolverá os días 30, 31 de marzo e 1 de abril, terá como convidados a recoñecidos líderes mundiais en varios ámbitos da química, incluído o premio Nobel 2021, David  MacMillan, quen tamén participará no programa de divulgación científica da USC e do Consorcio de Santiago ConCiencia.

A principal misión do CiQUS é desenvolver ciencia na fronteira do coñecemento e proporcionar formación de alto nivel a persoal científico e profesionais no ámbito da química e a biomedicina. Para iso dotouse dunha estrutura organizativa e de xestión innovadora, e dun equipo humano interdisciplinario. O modelo de funcionamento inclúe unha avaliación continuada e esixente por parte dunha comisión externa de máximo prestixio e que inclúe ao Premio Nobel Jean-Pierre Sauvage. Como consecuencia, o centro experimentou un progreso moi notable, tal e como evidencia indicadores obxectivos como o número de proxectos financiados polo Consello Europeo de Investigación (ERC), pasando de un a once nestes dez anos. Nesta década, este centro singular da USC conseguiu numerosas patentes, catro das cales xa foron licenciadas, e creáronse catro spin- offs, empresas que xorden ao abeiro da tecnoloxía desenvolvida no centro.

Ao servizo da ciencia e a sociedade

As investigacións que se levan a cabo no Centro organízanse en tres áreas temáticas: Química Biolóxica e Médica; Materiais Funcionais con Aplicación Tecnolóxica; e Tecnoloxías Sintéticas para un Desenvolvemento Sostible.  Estas áreas, con todo, non son compartimentos estáticos, senón que interactúan entre si coa vontade de abordar retos científicos de alcance dende unha perspectiva interdisciplinaria. Entre os moitos obxectivos en marcha, están por exemplo o desenvolvemento de terapias contra  a COVID-19, a creación de novos materiais tecnolóxicos ou o descubrimento de encimas artificiais. Cun total de dezaoito grupos de investigación con diferentes proxectos dentro destas áreas, no Centro traballan máis de 180 persoas de diferentes nacionalidades.

Nobel de Química 2021

Coa intención de conmemorar o décimo aniversario, este centro singular da USC organiza o I Simposio Química na Fronteira, un encontro que permitirá reunir a científicos de primeiro nivel procedentes de diferentes países. Entre eles, destaca a presenza do Premio Nobel de Química 2021, David  MacMillan, da Universidade de  Princeton.  MacMillan é un químico británico-estadounidense que foi galardoado no ano 2021 co premio Nobel, xunto con  Benjamin  List, polo desenvolvemento da  organocatálise asimétrica, unha ferramenta que tivo un gran impacto na fabricación de medicamentos e outros materiais moleculares.

Acompañando ao Premio Nobel, destacadas personalidades científicas a nivel global como  Helma  Wennemers da Universidade de Zurich ou Harry Anderson da Universidade de Oxford, daranse cita no Edificio  Fontán da Cidade da Cultura. Os relatores invitados son referentes nas áreas estratéxicas de investigación do CiQUS e representan a aposta do Centro polo talento novo e o equilibrio de xénero.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.03.2022.