Pasar al contenido principal

O Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa recibe o XXII Premio Aresa

O director do CPR-EFA Fonteboa, Luis García, amosa a placa conmemorativa do XXII Premio Aresa
O director do CPR-EFA Fonteboa, Luis García, amosa a placa conmemorativa do XXII Premio Aresa
O reitor da USC, Antonio López, salienta a “importancia da formación agraria” na entrega do galardón ao director do CPR-EFA Fonteboa, Luis García Fernández, de mans do presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, nun acto celebrado en Veterinaria

O director do Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, Luis García Fernández, recolleu este venres no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo o XXII Premio Aresa, un galardón promovido conxuntamente pola USC e o Grupo Aresa e dotado con 10.000 euros en metálico, ademais de placa conmemorativa, que nesta edición recoñece o labor de formación dos futuros profesionais do medio rural que se desenvolve con éxito desde hai preto de medio século nas instalacións do centro de ensino radicado en Coristanco.

O reitor da USC, Antonio López, salientou precisamente a “importancia da formación agraria” na cerimonia de entrega deste galardón, na que, ademais do presidente fundador de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, tamén  participaron a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o  director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), José Luis Cabarcos, e a presidenta da Asociación Nacional de Enxeñeiros Agrónomos (ANIA), María Cruz Díaz Álvarez, que ofreceu unha lección maxistral baixo o título “Desenvolvemento rural e desenvolvemento do campo”.

A presidenta de ANIA debullou na súa intervención as diferencias que existen entre o desenvolvemento do campo e o desenvolvemento do medio rural para, de seguido, centrarse nos procesos de modernización do agro e nas novas técnicas que haberá que aplicar para poder facer fronte ao aumento da demanda de produtos e cumprir os protocolos normativos que rexen a seguridade alimentaria. Este novo proceso de transformación está a producirse nunha situación cambiante que está tremendamente afectada pola actual guerra na Ucraína. 

Unha vez rematado o relatorio e trala lectura do fallo do xurado do XXII Premio Aresa por parte da vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, o director do CPR-EFA Fonteboa recolleu a placa acreditativa dun premio “polo que nos sentimos moi agradecidos”, subliñou. Logo de reiterar a súa gratitude aos promotores do galardón e tamén aos membros do xurado, Luis Garcia Fernández enumerou os principios polos que se rexe o proxecto educativo da EFA Fonteboa e asegurou que “o mellor aval da candidatura son todos os nosos estudantes, os que a día de hoxe están traballando no sector gandeiro e agrícola de Galicia”. 

“A nosa razón de ser é a inserción profesional dos egresados no propio territorio, pois non se trata de capacitar para emigrar, senón para quedarse na terra, con sentimento de pertenza e compromiso social para mellorar a vida do rural e salvagardar o patrimonio e os valores identitarios”, remarcou García Fernández.

CPR-EFA Fonteboa

O director do CPR-EFA Fonteboa lembrou tamén na súa intervención os 45 anos de existencia dun centro de promoción rural fundado en 1975 como iniciativa social para dar resposta ás necesidades de formación no ámbito rural e establecer un sistema pedagóxico innovador orientado á promoción do medio rural a través das persoas. No seu preto de medio século de historia, o CPR-EFA Fonteboa graduou máis de 1.200 estudantes de formación profesional agraria, a maioría dos cales están incorporados a explotacións gandeiras ou traballan no sector agroalimentario, contribuíndo a fortalecer o tecido económico e social do rural galego.

A importancia do labor que desenvolve o CPR-EFA Fonteboa para o medio rural tamén mereceu os parabéns do presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, antes de ceder a palabra á vicepresidenta do grupo empresarial lugués. Carlota López Pardo aproveitou a súa intervención para sinalar os piares nos que se asentou a creación do galardón e que teñen como prioridade “a mellora do benestar das persoas que viven no rural e a transmisión das súas problemáticas ao resto da sociedade”.

López Pardo apuntou asemade que a EFA Fonteboa pode achegar solucións a unha das eivas xa advertidas polos promotores do Premio Aresa, como é “a falta de traspaso xeracional á fronte das explotacións gandeiras e de moitas empresas do mundo rural”. Daquela, engadiu que “o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa contribúe, a través da formación, á incorporación de novos profesionais á agricultura e á gandería na nosa terra, polo a súa achega ao desenvolvemento rural de Galicia é clara e evidente.

Unha vez rematada a quenda de intervencións, nas que tamén se aludiron ás novas dificultades para o agro derivadas da escalada de prezos das materias primas, o reitor Antonio López, reiterou no peche da cerimonia os seus parabéns á candidatura gañadora e ao Grupo Aresa por promover este importante recoñecemento.

Diante dun auditorio concorrido de público, entre o que se atopaban a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; a Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias; a vicerreitora de Organización Académica da USC, Celia Besteiro, ademais de parlamentarios autonómicos, decanos e directores de centros universitarios, docentes e investigadores, así como empresarios, como a presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, o reitor Antonio López sinalou que “a USC debe seguir e seguirá polo camiño da combinación da docencia e da investigación, coa transferencia do coñecemento e a conexión coa realidade e coa sociedade á quen se debe”.

Palmarés do Premio Aresa

Na traxectoria de galardoados do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural figuran Novafrigsa (2000), o catedrático da USC Javier Guitián Rivera (2001), a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC (2002), o ex director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva (2003), a IXP Ternera Gallega (2004), o programa da Televisión de Galicia ‘O Agro-Labranza’ (2005), a DO Ribeira Sacra (2006), os impulsores da queixería Casa Macán (2007), a Facultade de Veterinaria de Lugo (2008), Ingapan (2009), Acruga (2010), a SAT Monte de Trabada (2011), Champivil (2012), Alibós Galicia (2013), a DOP Queixo San Simón da Costa (2014), Agroamb (2015), a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galica (Ovica) (2016), a Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo (2017), o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, (Craega) (2018), a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) (2019) e Cooperativa A Carqueixa, que resultou gañadora do premio na edición de 2020.

De esquerda a dereita, Carlota López, Álvaro Rodríguez, Luis García, Antonio López, María Cruz Díaz, Montserrat Valcárcel e José Luis Cabarcos, en Veterinaria
De esquerda a dereita, Carlota López, Álvaro Rodríguez, Luis García, Antonio López, María Cruz Díaz, Montserrat Valcárcel e José Luis Cabarcos, en Veterinaria
Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.03.2022.