Pasar al contenido principal

Exposición

'Álvaro Ruibal (1910-1999) a través dos seus escritos e da súa biblioteca'

Do 31 de marzo ao 27 de maio

Santiago de Compostela
Claustro Alto
Inauguración no Salón Nobre

A Biblioteca da USC homenaxe a figura do xornalista e escritor compostelán

Exposición 'Álvaro Ruibal (1910-1999) a través dos seus escritos e da súa biblioteca'
Exposición 'Álvaro Ruibal (1910-1999) a través dos seus escritos e da súa biblioteca'

Do 31 de marzo ao 27 de maio, o Claustro Alto do Colexio de Fonseca acollerá a exposición 'Álvaro Ruibal (1910-1999) a través dos seus escritos e da súa biblioteca', un percorrido pola figura deste referente do xornalismo galego e barcelonés que sempre levou Galicia e a súa cultura dentro de si. 

A mostra achega as persoas visitantes á biblioteca do autor, aos seu artigos en prensa e á correspondencia que mantivo  ao longo dos anos, dando conta dunha ampla e rica traxectoria. Ao tempo, constitúe un acto de agradecemento á súa familia da doazón á Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela dos fondos bibliográficos, con preto de 6.000 volumes, e do arquivo persoal dun autor esencial no xornalismo galego.

O acto de inauguración da mostra terá lugar o xoves 31 de marzo, ás 12.00 horas no Salón Nobre de Fonseca e contará coa presenza do vicerreitor de Investigación, Vicente Muñuzuri, da directora da Biblioteca Xeral, Mabela Casal Reyes, e de Álvaro Ruibal Morell, fillo do autor homenaxeado. A asistencia ao evento de inauguración é libre ata completar a capacidade da sala.

As persoas interesadas en visitar a mostra poderán facelo sen necesidade de reserva de luns a venres, en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 20.30 horas. 

Álvaro Ruibal (Santiago de Compostela 1910- Barcelona, 1999) 

A figura de percorre o xornalismo español do século XX. A súa carreira comeza moi cedo facendo colaboracións na prensa local de Compostela. Os estudos universitarios de Matemáticas e Arquitectura, coa encomenda de seguir co negocio de construción familia,  lévano a Madrid ao comezo da década dos trinta. Despois da Guerra e seguindo a súa vocación xornalística, trasládase a Barcelona onde dirixe  a revista Destino, que contaba cunha importante pléiade de colaboradores, como Josep Pla, Ana María Matute, Álvaro Cunqueiro, Camilo José Cela ou Augusto Assía. Ao mesmo tempo, envía colaboracións ás principais cabeceiras galegas da época, como  La Noche, El Correo Gallego, ou Faro de Vigo. No ano 1962 crea un pseudónimo, ERO, co que publica en La Vanguardia unha columna que chegou a converterse un fito do xornalismo cotián: 'La calle y su mundo' . O seu vencello con Galicia e Compostela amósase na grande cantidade de artigos que publicou arredor de temas xacobeos, de persoeiros galegos ou costumes, sendo un dos grandes embaixadores galegos en Barcelona. A pegada destes artigos iniciou tamén a quenda dunha serie de columnistas galegos que escribían sobre Galicia dende Cataluña. Na década dos setenta publicará dous volumes monográficos: Los Pueblos y las sombras e El tiempo retenido. O seu último artigo publicaríase ao día seguinte do seu pasamento, que tivo lugar o 15 de xaneiro de 1999.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.03.2022.