O Museo Universitario A Domus do Mitreo fai accesible a historia da cidade de Lugo desde a época romana ata a contemporánea

O Museo Universitario A Domus do Mitreo fai accesible o coñecemento da historia da cidade de Lugo desde a época romana ata a contemporánea, segundo salientou o reitor da USC, Juan Viaño, na inauguración das renovadas e ampliadas dependencias do primeiro museo da USC en Lugo logo dunha inversión aproximada de 200.000 euros. A novas instalacións museísticas, xestionadas integramente pola USC, aínda que de titularidade compartida Concello de Lugo, terán encomendadas tarefas diversas, que van desde a difusión e valorización dun dos xacementos romanos máis visitados da capital luguesa como é o A Domus do Mitreo, o fomento patrimonio ata a promoción da cidade de Lugo a través de estudos (docencia) e investigacións (ciencia) sobre a súa historia.
O Museo Universitario A Domus do Mitreo nace coa pretensión de ser un museo accesible para todo o mundo, razón pola que a USC ampliará a partir do mes de maio o horario de visitas ás instalación, que permanecerá abertas ao público de martes a sábado, en quenda de mañá e tarde, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e os domingos, en horario matinal, de 11.00 a 14.00 horas.
O novo centro museístico no Campus Terra, cuxo réxime de acceso se axustará ao regulamento polo que se rexen os museos universitarios da USC e que contempla diversas modalidades de taxas que van desde 1 a 6 euros por visitante, tamén incorpora ao xacemento arqueolóxico xa aberto a visitas un novo espazo de 100 metros cadrados, situado no primeiro andar da Casa do Saber, que permite facer un polo Lugo posterior á romanización a través dos restos arqueolóxicos atopados durante a fase de escavación do xacemento. “Falamos do Lugo medieval, no que tivemos aquí un obradoiro ligado á construción da catedral e mais unha necrópole destinada ás clases populares, así como do Lugo moderno e contemporáneo, no que xorde o Pazo de Montenegro como residencia urbana dunha familia nobre”, relatou Viaño.
O compromiso da USC coa accesibilidade física a este museo fixo que se dotara este centro universitario dun moderno sistema de acceso para persoas con mobilidade reducida tanto ao xacemento como á exposición situada no primeiro andar do edificio. Asemade, tamén se incorporaron diversos elementos que facilitan a accesibilidade visual do museo, tales como guías en braille e outros recursos máis nos que está a traballar a USC co asesoramento da Once. A incorporación da última tecnoloxía e recursos multimedia á presentación dos restos son outras das accións implementadas para ampliar o valor científico dun museo, no que o visitante pode gozar da reconstrución virtual dos espazos do pasado.
O Museo Universitario A Domus do Mitreo, que agocha o “xacemento mitraico máis singular e máis tardío dos escavados na península Ibérica”, segundo indicou o historiador e catedrático de Historia Antiga da Universidade Carlos III de Madrid, Jaime Alvar, é o resultada dunha proveitosa colaboración entre institucións e entidades: USC, Concello de Lugo, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Patrimonio, á Secretaría Xeral de Cultura e á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Grupo Santander Universidades, un entendemento sostido ao longo do tempo e grazas o que se está a traballar nunha edición actualidade do libro edición o libro ‘A Domus do Mitreo: arqueoloxía, historia e cidade’, un volume en galego, castelán e inglés.
Estruturado en tres niveis, o Museo Universitario A Domus do Mitreo, un espazo duns 700 metros cadrados, constitúe un exemplo excepcional da historia urbana da cidade de Lugo. Neste centro agrómanse diversos restos arqueolóxicos cuxa interpretación permite coñecer a evolución da cidade. Así, o museo está divido en tres zonas, nas que o visitante poderá descargar códigos QR. O vestíbulo permite coñecer as distintas fases polas que pasou o soar, o xacemento ofrece diferentes elementos da época romana que van desde a domus da época altoimperial, o pano da muralla orixinal e o templo mitraico, mentres que no primeiro andar é posible facer un percorrido pola historia de Lugo desde a Idade Media ata o século XX.
A alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Conde; a Xefa de Coordinación da Área de Cultura da Xunta de Galicia, María José Gómez Rodríguez, e o director de zona de Santander Universidades, José María García de los Ríos, tamén interviñeron como relatores na inauguración do Museo Universitario A Domus do Mitreo, un acto no que tamén asistiron os vicerreitores de Coordinación, Desenvolvemento Científico e Cultural e Servizos Universitarios do campus de Lugo, Javier Bueno, Andrés Barreiro e Carme Silva, respectivamente, ademais de representantes políticos municipais e provincias, profesores, investigadores, membros da comunidade universitaria e persoeiros do eido da cultura.



