Pasar al contenido principal

Conferencia

'Integrando as persoas nunha IoT consciente do contexto'

08.04.2022 | 12.00h

Salón de Actos e emisión en liña
Santiago de Compostela

Daniel Flores, investigador da Universidade de Estremadura, imparte esta conferencia organizada polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes

Conferencia 'Integrando as persoas nunha IoT consciente do contexto'
Conferencia 'Integrando as persoas nunha IoT consciente do contexto'

O venres, día 8 de abril, ás 12.00 horas, o Salón de Actos do CiTIUS acollerá a conferencia 'Integrando as persoas nunha IoT consciente do contexto', a cargo do investigador da Universidade de Estremadura, Daniel Flores. O relatorio ofrecerá un repaso por algúns conceptos fundamentais da Internet das Cousas e os desafíos actuais que impactan no seu desenvolvemento. Tamén servirá para afondar no desenvolvemento do paradigma Situational-Context e as principais tecnoloxías empregadas.

O evento será emitido tamén en liña a través de MS TEAMS.

Resumo 

O termo Internet das Cousas ( IoT) está cada vez máis presente no noso día a día. Isto refírese ás contornas intelixentes onde atopamos calquera dispositivo con conectividade a internet e capaz de intercambiar información, como smartphones, smartwatches, lámpadas, aires acondicionados, etc. Desta forma, é posible crear contornas sociais onde as persoas poden interactuar con estes dispositivos para facer máis sinxela a súa vida ou automatizar tarefas.

O contexto que rodea estas contornas debe ser tido en conta para personalizar os comportamentos dos dispositivos. Con contexto referímonos a todos aqueles elementos que inflúen na contorna, como o número de dispositivos, as funcionalidades que posúen, as persoas que hai ao redor, a localización, a data e hora, etc. Actualmente, estamos a traballar no desenvolvemento dun paradigma denominado Situational- Context cuxo obxectivo é modelar as situacións particulares que se producen nestas contornas. O obxectivo principal é adaptar o comportamento dos dispositivos ás necesidades das persoas de maneira automática e coa mínima intervención do usuario. Para iso estase utilizando unha metodoloxía Design Thinking centrada nos usuarios e que permite detectar necesidades, identificar retos concretos, e desenvolver solucións. Para o paradigma Situational- Context desenvolveuse unha arquitectura que permite, desde a integración de diferentes tipos de dispositivos, ata a identificación de situacións na contorna, pasando pola xestión do contexto e descrición das entidades. Esta arquitectura permite a integración de dispositivos a través de diferentes protocolos de comunicación, como Bluetooth ou Wifi. Tamén permite que tanto os dispositivos como as persoas sexan descritos dunha maneira común e que sexa facilmente interpretable polas aplicacións IoT. Esta descrición das entidades realízase mediante o estándar proposto polo W3 C denominado Thing Description, de maneira que a información poida ser facilmente interpretable polas aplicacións IoT. O intercambio destas descricións realízase mediante o protocolo MQTT de paso de mensaxes, e son xestionadas con ontoloxías para establecer as relacións e enriquecer o coñecemento sobre elas. Finalmente, coa información destas descricións adáptase o comportamento dos dispositivos, co que se consegue satisfacer as necesidades das persoas sen apenas intervención humana.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.04.2022.