Pasar al contenido principal

Preto de dous milleiros de traballos fin de grao e de mestrado viron a luz en galego na USC en 2021

Nos estudos de posgrao é onde se recompilan mellores cifras no uso do galego. FOTO: Santi Alvite
Nos estudos de posgrao é onde se recompilan mellores cifras no uso do galego. FOTO: Santi Alvite
Nos estudos de posgrao é onde se recompilan mellores cifras no uso deste idioma co 28,14% dos TFM redactados en lingua galega, cifra que supera o 30% na defensa oral dos traballos
Lugo, Santiago de Compostela

Os usos lingüísticos dos Traballos Fin de Grao (TFG) e Fin de Mestrado (TFM) na USC desenvolven nos últimos anos unha tendencia ascendente con respecto ao emprego da lingua galega. Así, en 2021 redactáronse un total de 924 TFG en galego e 981 foron defendidos de xeito oral neste idioma. Esta cifra contrasta coa situación do ano 2014, cando a piques de verse culminado o proceso de implantación de Bolonia, o número total non chegaba aos 600 en formato escrito, e situábase pouco por enriba dos 650 no caso das exposicións orais. Estes datos foron achegados polo Servizo de Normalización Lingüística da USC a partir da información fornecida pola Área das Tecnoloxías da Información e da Comunicación da USC.

Nos estudos de posgrao é onde se recompilan mellores cifras no uso do galego en traballos de fin de estudos. Así, o 28,14% dos TFM están redactados en galego, cifra que supera o 30% na defensa oral dos traballos. En grao, o 25,27% dos TFG están redactados en galego e o 26,83% son presentados de xeito oral tamén en lingua galega.

Polo que respecta aos traballos de doutoramento, tanto a opción de galego como a do castelán perden posicións, aumentando a opción dos traballos realizados en inglés. Se o 8,24% das teses están elaboradas en galego e 5 de cada de 10 en castelán, o inglés é a opción elixida para o 30,20% destes traballos de investigación. Se ben o inglés é a opción que experimenta un maior incremento continuo dende 2009 no seu uso como idioma das teses de doutoramento realizadas na USC, o galego mantén posicións, con oscilacións ascendentes nos períodos 2009-2011 e en 2016 e 2017.

Galego por titulacións

Por graos, as mellores cifras de uso do galego en TFG rexístranse —alén de no grao en Lingua e Literatura Galegas que acada un 100%—, no dobre grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria  e en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural (75%), grao en Xornalismo (67,53%), Mestre en Educación Infantil en Santiago (66,67%), a segunda edición do grao en Mestre en Educación Infantil no Campus de Santiago (60,64%), Educación Social (60,61%), Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria (59,09%), Mestre en Educación Primaria no Campus de Lugo (57,14%), dobre grao en Xornalismo e Comunicación Audiovisual (54,55%), a segunda edición do grao en Mestre en Educación Infantil no Campus de Lugo (51,72%), a segunda edición do grao en Mestre en Educación Primaria no Campus de Lugo (50,67%), dobre grao en Mestre de Educación Infantil e en Mestre de Educación Primaria en Lugo (50%), e a segunda edición do grao en Mestre en Educación Primaria no Campus de Santiago (49,59%).  

No capítulo de mestrados, destaca o de Xestión Sustentable da Terra e do Territorio (100%), Enxeñaría Agronómica (75%), e o Máster Universitario en  Profesorado, especialidade en Ciencias Sociais e Humanidades, no que a porcentaxe de TFMs realizados en galego supera a barreira do 73%, seguido do mestrado en Técnicas Estatísticas con máis dun 71%.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.04.2022.