A vicerreitoría de Estudantes e Cultura, promove este ciclo de cinco concertos co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Grupo Organistrum da USC.

Do 28 de abril ao 24 de maio, o ciclo Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo ofrece 5 concertos que teñen como fío condutor a reconstrución dos instrumentos que o Mestre Mateo esculpiu no Pórtico da Gloria e as derivacións de xéneros e xeográficas que nos deixou o seu ronsel.
O peche do ciclo corre por conta do investigador e instrumentista Antoni Madueño e a soprano Kimiyo Nakako e terá lugar o martes, 24 de maio ás 20.30 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. Ofrecerán un programa con cantos e obras musicais do século XII procedentes da biblioteca de Ripoll e outras obras europeas relacionadas co Camiño.
Madueño é un dos grandes valores da nova xeración da musicoloxía española e este proxecto, que representa a candidatura UNESCO da Portada de Ripoll e conta co apoio do Consello de Europa, convida o público a se deixar fascinar por este rigoroso programa de construción e interpretación de instrumentos medievais que o trouxo, directamente, polo Camiño de Santiago: desde Ripoll a Compostela.
Kimiyo Nakako é unha soprazo xaponesa cun amplo repertorio que abarca do século XV ata o XX no eido da música de cámara. Colabora regularmente nas producións do ciclo de ópera no Palau de la Música Catalana. Premiada por The Okada Culture Foundation en 2016, obtivo ese mesmo ano o primeiro premio en Mie Musica Competition, e foi finalista na Tokio Singing Competition de 2015.
A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.
Os sons da pedra: simposio e exposición
Este ciclo de concertos vai da man dun simposio homónimo que reunirá en Compostela a numerosos artesáns e luthieres que participaron no proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pórtico desenvolvido a partir de 1989 baixo a dirección de José López Calo e Carlos Villanueva. Co mecenado da Fundación Barrié, esta iniciativa de recuperación do patrimonio cultural permitiu a construción de 19 réplicas instrumentais que puideron escoitarse no Pórtico da Gloria. Posteriormente, a iniciativa estendeuse á reprodución de instrumentos do Pazo de Xelmírez de Lugo e da catedral de Ourense.
O simposio e o ciclo de concertos compleméntanse cunha exposición que, baixo o mesmo título, Os sons da pedra, poderá visitarse do 29 de abril ao 28 de maio no Salón do Artesoado do Pazo de Fonseca.