Organizado polo grupo de divulgación LUZADA da Universidade de Santiago de Compostela e o grupo USAL da Universidade de Salamanca

A Facultade de Óptica e Optometría da Universidade de Santiago de Compostela acollerá do 5 ao 7 de maio o 'I Encontro de Novas Investigadoras en Óptica do Noroeste - I Northwest Meeting of Young Researchers in Optics (I NW MYRO)', un evento que reunirá grandes expertas do eido da fotónica no noroeste peninsular, para promover a formación e carreiras profesionais do alumnado de Física e Óptica e fortalecer as conexións científicas e industriais tanto a nivel nacional como internacional.
O encontro contará coa presenza das sociedades científicas máis relevantes da área como son Óptica, a Sociedade Europea de Física (EPS) a través do seu programa Young Minds, a Real Sociedade Española de Física (RSEF) ou SEDOPTICA (Sociedade Española de Óptica).
Artéllase arredor de tres áreas de actividade principais:
- Desenvolvemento profesional: Academia e Industria
O evento programa conferencias plenarias de persoal investigador procedente de diferentes centros de investigación como a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade de Salamanca (USAL), a Universidade de Vigo (UVIGO), a Universidade de A Coruña (UDC) ou o Iberian Nanotechnology Laboratory (INL). Ademais, tamén conta cunha variada representación da industria con relatorios de empresas internacionais do sector, tanto locais como estranxeiras, tales como Aimen, Menlo ou Bflow.
- Mulleres en ciencia
Destacar o traballo das mulleres científicas e apoiar as súas carreiras é unha parte clave do I NW MYRO. Nesta xuntanza todos os eventos foron organizados con perspectiva de xénero para garantir que tanto homes como mulleres teñan a mesma visibilidade. Entre as actividades do encontro, destaca unha sesión de mulleres en óptica onde diferentes científicas en distintos estadíos das súas carreiras profesionais falarán sobre a súa investigación e, posteriormente, integrarán unha mesa redonda para debater sobre os retos que afrontan acotío nas súas carreiras.
- Divulgación
Achegar a ciencia á sociedade e inspirar a novas xeracións de científicas está na esencia do I NW MYRO. Para conmemorar o Día Internacional da Luz, o sábado 7 de Maio realizaranse distintas actividades de divulgación para o público xeral en colaboración co Museo de Historia Natural da USC e coa Casa das Ciencias da Coruña.
A asistencia ás xornadas, en modalidade presencial ou telemática, esixe rexistro previo. A presencialidade é obrigatoria para o alumnado da USC que desexe obtar ao recoñecemento de 1 crédito ECTS optativo.
