Pasar al contenido principal

VIII Xornadas de Educación para a Cidadanía Global

'A educación ante os retos globais'

02.05.2022

Santiago de Compostela

Do 2 ao 11 de maio a Facultade de Ciencias da Educación da USC acolle unha nova edición deste encontro que en 2022 presta especial atención ao conflito en Ucraína

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas

As xornadas celebraranse este ano en formato mixto, con diferentes obradoiros de carácter presencial no centro do Campus Vida e cunha sesión plenaria que se desenvolverá en liña o venres 6 de maio. Nela, intervirá Juanjo Celorio, do Instituto Hegoa da UPV/EHU, para ofrecer unha abordaxe á educación como ferramenta de transformación social. A continuación, Daniel Bóveda de Accem, achegará as asistentes á realidade das persoas desprazadas que chegan dende Ucraína. Pechará a mañá unha mesa de experiencias: a Campaña Mundial pola Educación, o observatorio de participación O Globo e o proxecto Activistas polo Mundo que queremos (Plan Proxecta da Xunta de Galicia).

A asistencia a esta sesión plenaria é aberta previa inscrición

Unha das principais características desta edición é que unha grande parte dos obradoiros será desenvolvida por alumnado do 3º curso do Grao en Educación Social que participa nun proxecto de Aprendizaxe-Servizo coa Campaña Mundial pola Educación e que leva todo o semestre formándose e deseñando unha intervención educativa en diferentes centros de ensino e nas aulas da Facultade.

As xornadas xorden froito da colaboración entre o Plan de Desenvolvemento Sostible, a Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD), a Campaña Mundial pola Educación, Solidariedade Internacional de Galicia e o Grupo de Investigación Terceira Xeración da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.05.2022.