Pasar al contenido principal

A USC avanza na transparencia

Captura de pantalla da nova web
Captura de pantalla da nova web
A nova web de datos da USC traza unha radiografía da realidade universitaria a través da publicación en aberto de toda a súa información estatística
Lugo, Santiago de Compostela

Trazar unha radiografía da realidade universitaria a través da publicación en aberto dos seus datos. Con esta meta, a USC acaba de botar a andar un novo portal de datos estruturado en catro apartados —calidade, alumnado, persoal e mobilidade— dirixido ao público en xeral, así como para optimizar o traballo daquelas estruturas ou servizos que teñan competencias en materia de xestión universitaria. A información está accesible en diferentes formatos, facilitando así o seu tratamento.

O portal achega unha nova visualización que permite un tratamento máis eficaz dos datos. Así por exemplo, no apartado de Calidade pode filtrarse o número de prazas ofertadas na USC por área de coñecemento e por curso, entre outros campos como pode ser a taxa de éxito ou a matrícula de novo ingreso por preinscrición. No relativo ao alumnado, a web ofrece gráficas sobre estudantado matriculado, egresado e de novo ingreso. O sistema pon tamén a disposición do público información cuantitativa sobre as diferentes categorías laborais que integran a USC, así como sobre a evolución do alumnado entrante e saínte no capítulo de mobilidade.

O novo sistema nace coa intención de ofrecer vantaxes a aqueles servizos que precisan botar man dos datos á hora de acometer as súas tarefas de xestión. Ademais, dende a institución enténdese que a nova web conforma un exercicio de transparencia con respecto á sociedade no seu conxunto, “un dos piares fundamentais do goberno e a xestión da USC e un dos principios esenciais da súa relación cos seus principais grupos de interese”, explican dende a institución.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.05.2022.