O Claustro aproba as Liñas Xerais dos Orzamentos para 2022

As Liñas Xerais dos Orzamentos da USC aprobadas este venres polo Claustro Universitario para o que resta de ano, caracterizaranse polo seu carácter “innovador en tanto que pretenden a súa consolidación no exercicio 2023, para o cal o equipo de goberno iniciará a elaboración do seguinte orzamento no próximo mes de setembro”. O desenvolvemento das liñas xerais deberá traducirse nuns orzamentos “elaborados con rigor e responsabilidade”, explicou o xerente Javier Ferreira, e sempre vinculados a unha base estratéxica de carácter plurianual recollida na Programación para o período 19-22, actualizada polo Claustro. A proposta de liñas xerais dos orzamentos foi aprobada por 137 votos a favor, 3 en contra e 5 en branco.

Na proposta de liñas xerais recóllense uns cadros de ingresos e gastos cunha previsión de 270,11 millóns de euros. Estas previsións, co obxecto de que se axusten á realidade da xestión orzamentaria, extráense tendo en conta a evolución da execución de anos anteriores. A mellora da técnica orzamentaria iniciada en 2019 —prevendo nas contas iniciais de ingresos e gastos actuacións que se manteñen dende exercicios anteriores—“está contribuíndo a un mellor axuste”. O obxectivo é que os orzamentos e as súas liñas, “reflictan unha previsión de gastos e ingresos o máis axustada á realidade, permitindo así a súa fiscalización por parte da comunidade universitaria, o que redunda nunha xestión máis transparente”, matizou o xerente.
Estas contas son herdeiras dos exercicios desenvolvidos durante a xestión da pandemia por mor da COVID-19, ao respecto do cal un informe da Secretaría Xeral de Universidades destacou que “a realidade económica-financeira da USC non se veu afectada no seu resultado conxunto. O efecto nocivo asociado á caída de ingresos foi contrarrestada cunha actuación con dúas características relevantes: a eficacia, reflectida na actuación do Goberno da Comunidade Autónoma e as súas liñas de achegas ordinarias e extraordinarias; e a eficiencia, protagonizada neste caso pola propia institución universitaria, asentada na rapidez de toma de decisións e racionalización de gastos”.
Tendo en conta o principio de prudencia e ante o escenario económico actual, as liñas xerais subliñan que a USC atopase nunha “situación de certa estabilidade orzamentaria, garantida polo novo plan de financiamento ata o ano 2026”. A isto súmase que a previsión do peche de contas de 2021 é de superávit e que “a contención e o rigor na xestión das contas permitiu un cambio de tendencia ao reducir o déficit de financiamento acumulado que se viña incrementando nos últimos anos, tendencia que a institución debe manter para garantir a viabilidade en contextos de adversidade”.
O documento aprobado no Claustro “debe garantir a estabilidade da institución, planificando con rigor as actuacións prioritarias e xestionando o gasto baixo o principio de prudencia para poder enfrontarnos en mellores condicións ao escenario incerto dos próximos anos”. Neste mesmo sentido e nun exercicio de “autodisciplina orzamentaria”, a USC considera unha boa práctica determinar o límite de gasto non financeiro dispoñible para desenvolver a súa misión, cifra que para este exercicio situaríase en 269,05 millóns de euros.
Liñas estratéxicas e instrumentais
O documento aprobado desenvólvese en torno a tres liñas de carácter estratéxico, poñendo o foco na importancia das persoas, a investigación e na mellora da calidade da docencia, esta última de nova incorporación e co obxecto de mellorar de xeito progresivo a oferta académica. De carácter instrumental, completan o cadro tres liñas que apuntan á necesidade de contar cos medios necesarios, seguir avanzando na colaboración institucional e engade a transformación dixital.
Informe de Xestión e Informe do Reitor
O Claustro abordou tamén o Informe de Xestión correspondente á segunda metade do 2020, así como ao exercicio de 2021 coa vontade de dar conta tanto dos logros acadados como das cuestións pendentes en cada un dos eixes, accións e liñas de actuación que compoñen a programación plurianual 2019-2022. “O debate sobre o mesmo debe servirnos tamén para orientarmos as Liñas de Programación Plurianual 2023-2026, que resulten do novo programa do goberno saído das recentes eleccións de febreiro de 2022”, apuntou o reitor. “Estas Liñas de Programación Plurianual, como é preceptivo, presentaranse xuntamente coas Liñas Xerais do Orzamento para 2023, ao plenario do Claustro que terá lugar no outono deste mesmo ano no que andamos”, engadiu.
Centrar a atención no estudantado, comprometerse co persoal, poñerse ao servizo da sociedade, situar o coñecemento da USC na vangarda, proxectar a USC polo mundo, xestionar os recursos de forma intelixente, e aprender da experiencia da COVID-19 para conseguir unha Universidade máis segura e flexible conforman os apartados nos que se estrutura o documento. O reitor subliñou que, en termos xerais, o nivel de cumprimento das medidas é do 70% xa que algunha das accións está aínda en fase de execución.
Na exposición do informe, o reitor puxo o foco tamén na “estruturalización da investigación” como peza clave para facer fronte aos novos requirimentos que esixe a reforma laboral e que atinxe a máis dun milleiro de persoas na USC. Antonio López lembrou que é preciso “dotar de racionalización as relacións laborais” a través da consolidación de grandes estruturas de investigación.
Informe do valedor
O valedor da Comunidade Universitaria, Miguel Alcaraz García, presentou os informes correspondentes aos cursos 2019-2020 e 2020-2021, dous anos académicos marcados pola COVID-19. “Esta adaptación ás novas circunstancias houbo que facela apresuradamente e sen experiencia previa nestas situacións o que supuxo un esforzo adicional por parte dos membros da comunidade universitaria. En xeral, unha vez máis quedou demostrado o compromiso, a colaboración, a dispoñibilidade e a comprensión de todos os estamentos da USC”, relata o Valedor.
No primeiro dos documentos, Alcaraz dá conta de como no ano académico 2019-2020 recibíronse 73 consultas, a maioría delas, sobre aspectos relativos á docencia e a procedementos de xestión. En canto ás queixas recibidas, presentáronse un total de 66, das cales, algo máis do 65% abranguen cuestións relativas a procedementos administrativos, docencia e avaliación académica, mestrado e doutoramento, ámbito laboral e procedementos selectivos. En total, o alumnado presentou 44 queixas, 16 procederon do PDI, 5 do PAS e 1 doutros sectores.
No documento correspondente ao curso 2020-2021, recóllese como se realizaron, por parte de todos os estamentos da Universidade, aínda que maioritariamente por parte do estudantado, 77 consultas solicitando información e/ou axuda sobre diferentes cuestións que logo non remataron na presentación de queixas. 58 destas consultas versaron sobre aspectos relativos á docencia e a procedementos de xestión. En canto ás queixas recibidas, presentáronse un total de 79, das cales 11 non foron admitidas a trámite. Docencia e avaliación académica, procedementos administrativos, planos de estudo e recoñecemento, mestrado e doutoramento, ámbito laboral, procesos selectivos, relacións interpersoais e COVID-19. En total, o alumnado presentou 55 queixas, 12 procederon do PDI, 7 do PAS e 5 doutros sectores.