Pasar al contenido principal

A Facultade de Filoloxía convoca o IV Concurso literario ‘Mazarelos’

A Facultade de Filoloxía convoca o IV Concurso literario ‘Mazarelos’
A Facultade de Filoloxía convoca o IV Concurso literario ‘Mazarelos’

Fomentar a creatividade da mocidade universitaria e desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega así como contribuír a descubrir potenciais figuras para a nosa literatura son os obxectivos que guían a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC para convocar por cuarta vez o Concurso literario ‘Mazarelos’.

Son moitas as figuras literarias galegas que estudaron nas aulas da USC (Castelao, Otero Pedrayo, Carballo Calero, Xohana Torres, Méndez Ferrín, Chus Pato, Suso de Toro, Xavier Queipo, Luísa Villalta, Antón Riveiro Coello, Fran Alonso...), e en Filoloxía sempre houbo iniciativas como certames e revistas literarias (Ólisbos, por citar unha ) para dar acubillo á creatividade no eido das letras galegas. Xa que logo, este certame recupera a tradición da Facultade para descubrir novas voces que poidan chegar a ser figuras da literatura galega. Se cadra ese pode ser o futuro de Valentín Estévez Souto, Jorge Rodríguez Durán e Arancha Nogueira, estudantes que gañaron o concurso o ano pasado.

Aberto á participación de todo o alumnado da USC, para participar deberase presentar unha obra de calquera xénero literario e temática libre, orixinal e escrito en lingua galega. O prazo rematará o venres 28 de setembro de 2018 ás 14:00 horas.

Establécense tres premios de 500, 250 e 150 euros mais diploma, a concesión dos cales recaerá nun xurado composto por tres docentes da Facultade e dous escritores/as sen relación actual co centro.

Co nome deste certame a CNL de Filoloxía lembra o lugar que viu nacer os estudos filolóxicos e literarios na nosa Universidade, a praza de Mazarelos, e o edificio agora ocupado por Filosofía, localizacións emblemáticas que mesmo se reivindican na imaxe do cartel anunciador.

O certame conta co apoio técnico do SNL da USC e o económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.03.2018.