Pasar al contenido principal

A mostra ‘Bolboretas do mundo’, música e unha xornada de portas abertas centran na USC o Día dos Museos

Mostra 'Bolboretas do mundo' no MHN
Mostra 'Bolboretas do mundo' no MHN
Os museos de Historia Natural e o da Domus do Mitreo conmemoran esta efeméride internacional que se desenvolve o mércores 18 de maio baixo o lema ‘O poder dos museos’
Lugo, Santiago de Compostela

O Museo de Historia Natural (MHN) da USC súmase á celebración do Día Internacional dos Museos 2022, este mércores 18 de maio, cunha xornada de portas abertas, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas, e con diversas actividades divulgativas que inclúen a inauguración, na sala da biodiversidade, da exposición permanente ‘Bolboretas do mundo’. A mostra inclúe máis de 250 bolboretas, de todos os continentes, “entre as que figuran algunhas das especies máis fermosas ou de maior interese”, explican dende o Museo.

Outro dos atractivos nesta data é a renovación da exposición temporal ‘Recuncho de curiosidades’, que nesta ocasión quere dar a coñecer unha serie de animais que, de forma inxustificada, teñen moi mala sona na cultura popular como é o caso das serpes, píntegas, alacráns, ou tarántulas, entre outros. O que se pretende é sensibilizar o público sobre a súa importancia ecolóxica e fomentar actitudes máis respectuosas. Esta mostra conta cunha serie de réplicas artísticas, a tamaño natural, das principais especies de réptiles e anfibios de Galicia. Finalmente, o venres 20 terán lugar dúas visitas guiadas gratuítas ao MHN, ás 17.30 horas e ás 18.30 horas, deseñadas tanto para familias como para público en xeral, previa inscrición a partir do xoves 19 na páxina web do museo.

Noites na Domus

O programa ‘Noites na Domus’ do Campus de Lugo, unha actividade complementaria do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ a través do que se ofrecen visitas guiadas con acompañamento musical ao xacemento da Domus do Mitreo, remata este mércores 18 de maio, cunha dobre sesión de visitas guiadas polo arqueólogo Celso R. Cao e con acompañamento musical do zanfonista, Germán Díaz. Os dous pases programados, nos que a capacidade máxima é de 25 participantes, comezarán ás 20.15 e ás 21.30 horas, respectivamente. As persoas interesadas poden solicitar de balde as entradas a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). Tamén poden informarse a través do número de teléfono 982 821 511 en quenda de 9.00 a 14.00 horas.

Espazo de reflexión

O 18 de maio conmemórase o Día Internacional dos Museos que neste 2022 xira en torno ao lema ‘O poder dos museos’ co que se quere salientar a importancia deste tipo de centros como espazos de reflexión, abertos tanto á análise do pasado como ás novas ideas, que serven de impulso para a transformación do mundo. Como parte da celebración, as institucións participantes realizarán unha acción conxunta que consistirá en despregar alfombras vermellas ante a entrada de cada unha delas. Unha intervención coa que se simboliza a forza e poder dos museos, así como a súa presenza dentro do espazo público.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.05.2022.