Pasar al contenido principal

A secretaria xeral de Investigación presentou na USC o PERTE para a Saúde de Vangarda

n primeiro termo, de esquerda a dereita, José Miñones, Raquel Yotti, Antonio López e María Rivas. Foto: Santi Alvite
En primeiro termo, de esquerda a dereita, José Miñones, Raquel Yotti, Antonio López e María Rivas. Foto: Santi Alvite
Estes Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica mobilizarán máis de 1.469 millóns de euros. Yotti destacou a potencial de Galicia para participar na transformación do Sistema Nacional de Saúde

Nun encontro celebrado na USC con persoal investigador, representantes do Clúster da Saúde, empresas e centros de investigación sanitaria de Galicia, a secretaria Xeral de Investigación do Ministerio de Ciencia, Raquel Yotti, destacou que “en Galicia existen moitas capacidades” e que tanto o sector académico como o empresarial da comunidade están “participando de forma moi intensa na transformación dixital do Sistema Nacional de Saúde”. Xunto a Yotti, no mesmo acto interviñeron o reitor da USC, Antonio López, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a subdelegada María Rivas.

A xuntanza estaba promovida polo organismo ministerial para presentar o PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica) para a Saúde de Vangarda. Segundo sinalou na presentación, o PERTE para a Saúde de Vangarda mobilizará máis de 1.469 millóns de euros, dos que máis de 982 millóns se investirán dende o sector público e preto de 487 millóns, dende o privado.

A responsable estatal de Investigación asegurou que “a saúde é unha oportunidade, non só para mellorar as condicións de vida da cidadanía, senón tamén para crear riqueza” e defendeu que “a innovación ten que chegar á base do sistema, que é a atención primaria”. Raquel Yotti sinalou que Galicia é unha das seis comunidades españolas involucradas no Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde, o que dá mostra do seu dinamismo e a súa capacidade para contribuír á transformación do sector.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.05.2022.