Pasar al contenido principal

I Encontro do Persoal Investigador do CISPAC

31.05.2022 | 09.30h-18.00h

Santiago de Compostela
Edificio Fontán da Cidade da Cultura

O Centro de Investigación Universitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) congrega persoal investigador das tres universidades galegas nun primeiro encontro para abordar o estudo da paisaxe e dar respostas aos retos contemporáneos dende ámbitos de investigación diversos

Edificio Fontán. Foto: Manuel G. Vicente
Edificio Fontán. Foto: Manuel G. Vicente

O primeiro encontro do persoal investigador do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) reunirá por vez primeira na sede do Edificio Fontán da Cidade da Cultura o persoal investigador do centro, formado por 73 investigadoras e investigadores, 52 sénior e 21 júnior, procedente das tres universidades galegas. Trátase dun equipo transdisciplinar creado co obxectivo de abordar o estudo da paisaxe e dar respostas aos retos contemporáneos dende ámbitos de investigación diversos como a Historia, a Historia da Arte, a Xeografía, a Arqueoloxía, a Economía, a Socioloxía e outras areas de ciencias experimentais e tecnolóxicas enxergadas na axenda científica. Este centro de nova xeración estrutúrase arredor de cinco campos de estudo sobre as Paisaxes: Paisaxes que teñen xente, Paisaxes que producen, Paisaxes que se gobernan, Paisaxes que teñen patrimonio e Paisaxes visitadas.

O acto dará comezo ás 9.30 horas, coa benvida da dirección. Despois realizarase unha visita guiada polas súas instalacións, duns 2600m2 dentro do edificio. Ao longo da mañá tamén será presentado o Plan estratéxico e a axenda científica do centro, así como o plan de acción para este ano 2022. A sesión matinal rematará ás 13 horas co acto institucional no que participarán representantes da Xunta de Galicia e das tres universidades galegas, entidades impulsoras do CISPAC. Pola tarde desenvolveranse as primeiras sesións de traballo dos cinco campos de coñecemento que estruturan a axenda científica.

A incorporación do persoal investigador será o fin do traballo de constitución do centro e dará inicio á actividade investigadora, co obxectivo de emerxer como unha referencia internacional no ámbito das Ciencias Sociais e Humanidades. Outra das ambicións do CISPAC é ser unha estrutura de investigación que posibilite a coprodución de coñecemento con axentes da contorna galega e internacional, así como servir de instrumento de apoio das administracións no deseño de estratexias e políticas nos temas de desenvolvemento, demografía, agroecoloxía, sustentabilidade, montes comunais, turismo e patrimonio.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.05.2022.