Pasar al contenido principal

Acto institucional

Toma de posesión de Jesús Ángel López Romalde como decano de Bioloxía

03.06.2022 | 13.30h-15.30h

Aula Magna
Santiago de Compostela

A vicedecana Otilia Reyes Ferreira, o vicedecano Francisco Javier Salgado Castro e o secretario Roman Vilas Peteiro completan o novo equipo decanal

O catedrático da USC Jesús López Romalde tomará posesión do seu cargo como decano de Bioloxía o 3 de xuño. FOTO: Santi Alvite
O catedrático da USC Jesús López Romalde tomará posesión do seu cargo como decano de Bioloxía o 3 de xuño. FOTO: Santi Alvite

O profesor Jesús López Romalde tomará posesión do seu cargo como decano da Facultade de Bioloxía este venres, día 3 de xuño, nun acto que se desenvolverá a partir das 13.30 horas na Aula Magna da Facultade e que presidirá o reitor Antonio López. O catedrático da USC resultou elixido nos comicios celebrados na Xunta de Facultade Extraordinaria do pasado 6 de abril, nos que recibiu un total de 44 votos a favor dos 51 emitidos.  

Entre os principais retos  que asumirá nos próximos anos, o novo decano salientou o de "dinamizar a Facultade, desenvolvendo unha xestión transparente, participativa e inclusiva, baseada no diálogo cos diferentes colectivos". 

Traxectoria

O catedrático da USC Jesús López Romalde centra a súa actividade investigadora na microbioloxía de organismos acuáticos e a viroloxía ambiental. Ten realizado estadías no Institut Pasteur de París, na Universidade de Guelph en Canada e no Baylor College of Medicine de Houston. Autor de máis de 230 artigos en revistas JCR, Romalde ten participado en 50 proxectos de I+D estatais e europeos, ademais de figurar como director nunha vintena de teses de doutoramento.

Entre as distincións recibidas, destacan o Premio Internacional de Investigación Científica e Técnica ‘Enxeñeiro Comerma’ (1988), premio ‘Jaime Ferrán’ da Sociedade Española de Microbioloxía (2001), ou a Insignia de Ouro da Universdade de Santiago de Compostela. É tamén editor de diferentes revistas JCR como Environmental Microbiology, Food Microbiology ou Systematic and Applied Microbiology. Dende 2019, é embaixador para España da American Society for Microbiology e forma parte da Xunta Directiva da Sociedade Española de Microbioloxía dende o ano 2009.

Na USC, foi director do Centro de Posgrao (2011) e vicerreitor de Titulacións e Persoal Docente e Investigador (2012-2014). Dende 2017, ocupa o cargo de director do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía do que tamén foi secretario entre 2006 e 2010. Dende 2019, está adscrito ao Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.06.2022.