Pasar al contenido principal

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias celebra o Día do Leite con obradoiros e a visita de 150 escolares

Escolares desgustan queixos galegos na Aula de Produtos Lácteos da USC
Escolares desgustan queixos galegos na Aula de Produtos Lácteos da USC
O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga, e a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López, acompañaron ao director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, José Balseiros, nun percorrido informativo polas instalacións da plataforma tecnolóxica da sede universitaria luguesa
Lugo

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) do Campus de Lugo da USC sumouse este mércores á celebración do Día Internacional do Leite cunha xornada de actividades divulgativas e de obradoiros arredor do leite e dos derivados lácteos na que participaron uns 150 estudantes de ensino primario dos Ceip Negueira de Muñiz, Manuel Mallo Mallo, Menéndez Pelayo e do Colexio Fingoi.

O programa organizado pola Aplta co gallo desta efeméride desenvolveuse en quenda de mañá, cando os máis cativos, distribuídos en grupos, tiveron a ocasión de asistir a diversas charlas informativas impartidas por técnicos da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias, ademais de participar en obradoiros de elaboración de queixos e iogures, sesións de cata.... Os escolares da provincia de Lugo convidados a gozar desta xornada lúdica alén das súas respectivas aulas, tamén tiveron a ocasión de coñecer e compartir encontros con Maximus, a mascota do Club Baloncesto Breogán.

Unha vez completados os distintos percorridos e actividades planificados para cada grupo de participantes, os responsables da APLTA agasallaron aos máis pequenos con cadanseu lote de produtos lácteos previamente doados por empresas colaboradas da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC.

Visita institucional

A programación lúdica programada co gallo do Día Internacional do Leite desenvolveuse en parello da visita institucional realizada ás instalacións da APLTA polo director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellaría de Medio Rural da Xunta de Galicia, José Balseiros, quen coñeceu de primeira man as instalacións e as potencialidade científicas e técnicas da plataforma tecnolóxica luguesa en compañía dun xefe de servizo da Consellería do Medio Rural.

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga; a delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, e o adxunto á Vicerreitoría de Organización Académica, Antonio Álvarez, acompañaron a José Balseiros nun percorrido polas instalacións desta planta piloto na que se replican a maioría dos procesos que se desenvolven ou poden realizar nunha industria láctea, ao que deron conta ao representante do Goberno galego algunhas das actividades de I+D+i desenvolvidas na Aula de Produtos Lácteos e tamén salientaron o potencial do centro universitario no ámbito da I+D+i para achegar valor engadido ao sector produtivo.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 01.06.2022.