Youtubeiras chega á súa sexta edición co obxectivo de ensanchar a comunidade creadora en galego na Rede

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, xunto con once concellos e a Deputación da Coruña, quere fomentar a creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos. Coa vontade de promover e outorgar visibilidade aos diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, o certame chega neste 2022 á súa sexta edición para ensanchar a comunidade creadora.
“Nos últimos cinco anos, o proxecto Youtubeiras impulsou unha comunidade creadora na Rede en galego que non deixou de medrar ao abeiro dunha iniciativa que é xa unha realidade consolidada grazas ao compromiso de todas as institucións participantes, que amosan unha implicación inequívoca co idioma, coas novas linguaxes dixitais e cos novos camiños que se abren para a nosa lingua”, explicaron dende a organización do certame que foi presentado nunha rolda de prensa na que interveu Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC. Xunto a el, estiveron presentes Socorro García Conde, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago; e María López, concelleira de Lingua e Mocidade do Concello de Teo.
“En cada edición o noso propósito é visibilizar e achegarlle ao proxecto as novas caras que están presentes nas redes. Desta volta, procuramos sumar persoas de todas as idades que poidan facer vídeos con habelencias concretas en ámbitos de todo tipo, que compartan vídeotitoriais para resolver problemas do día a día”, sinalaron, antes de engadir que “é un perfil que se quere incorporar á comunidade youtubeira para que compartan os seus coñecementos e manteñan canles desta natureza”. Ese tipo de perfil que se pretende impulsar nesta edición incorporarase a unha iniciativa novidosa que se levará a cabo dende a organización: un catálogo de youtubeiras e youtubeiros. Tratarase dun grande escaparate dixital que terá como obxectivos favorecer a visibilidade a través da web (www.youtubeiras.gal) e das redes sociais do proxecto, propiciar unha comunidade máis consolidada e ofrecerlle ao público un lugar de referencia na búsqueda de contigo dixital en galego.
Para rede, a nosa
María López encargouse de desvelar o lema para esta sexta edición: Para rede, a nosa. “Con este lema, forte e enérxico, simbolízase a seguridade e máis o orgullo de termos unha rede de creadoras e creadores que xeran contidos en Youtube, mais tamén noutras plataformas: Twitter, Facebook, Instagram, TikTok ou Twitch. Así está a medrar a presenza da nosa lingua nos novos formatos, conectando con novas xeracións e chegando a outros espazos imprescindibles para o futuro”, sinalou López, quen tamén destacou que Youtubeiras actúa como un “elemento normalizador da nosa fala” e de “divulgación da nosa cultura”.
Para fomentar e fortalecer o sentimento de comunidade, tras os dous últimos anos de pandemia, Youtubeiras recuperará a presencialidade nalgunhas das súas actividades de convivencia, intercambio e formación. Adiantouno así Gumersindo Feijoo, en representación da USC, quen sinalou que a primeira delas será o encontro creativo a Megacolab, dinamizado por Gingko. Trátase dunha xornada de creación colectiva entre youtubeiros/as. Celebrarase o sábado 18 de xuño en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas no Espazo Apego, en Santiago de Compostela. Para asistir, as persoas interesadas deben inscribirse antes do 16 de xuño a través da páxina web de Youtubeiras, xa que as prazas son limitadas.
A seguinte das actividades terá lugar o 21 de setembro ao vivo na canle de Youtube do proxecto. Será unha conversa en liña titulada ‘Unicornios e linguas non hexemónicas na Rede’. Xa en decembro, celebrarase un obradoiro formativo impartido pola asesora fiscal Paloma López Retorta, de Cifras Asesoría. Neste obradoiro, analizaranse claves de facturación, declaracións fiscais, o traballo por conta propia e as fórmulas de declaración dos ingresos acadados en Youtube.
Reestruturación dos premios
Na rolda de prensa anunciouse ademais a publicación das bases dos VI Premios Youtubeiras que inclúen dúas grandes novidades neste 2022. A primeira é que se permitirán a participación de canles cun único vídeo publicado, a diferenza da edición do ano pasado que limitaba a concorrencia a quen tivese como mínimo cinco vídeos. Os vídeos han estar publicados a partir do 22 de outubro do 2021.
Os premios reestruturan, ademais, as súas categorías. Contarase cun total de oito apartados: youtubeira/o, canle, vídeo, youtubeira/o revelación, premio á calidade lingüística, pioneiro, rede e premio do público. As persoas gañadoras dos sete primeiros recibirán 1.000 euros, mentres que no último caso a dotación económica ascenderá aos 500 euros. Así, os premios Youtubeiras repartirán un total de 7.500 euros. O prazo de inscrición para competir no concurso abrirá o 27 de setembro e finalizará o 25 de novembro.