Pasar al contenido principal

Unha mostra en Fonseca retrata as “asombrosas mulleres saharauís”

Un dos retratos da mostra, da autoría de Gaëtan Pelhâtre
Un dos retratos da mostra, da autoría de Gaëtan Pelhâtre

Hai máis de corenta anos, a muller saharauí nunca podería imaxinar a vertixinosa viaxe cara á emancipación, unha vez enrolada no barco da liberación nacional. Convertidas en depositarias involuntarias da responsabilidade da supervivencia do seu pobo, foron quen de construír unha nova estrutura social, facendo tomar consciencia ás xeracións futuras do seu dereito á igualdade.

Cando as mulleres foron ao exilio en Alxeria non tiñan sequera conciencia de pertencer a unha nación; estaban arraigadas nas tradicións seculares e cada unha delas pertencía ao seu clan, á súa familia. Pero co tempo lograron superar as divisións tribais para converterse en cidadás de pleno dereito, visibles, que loitan por que se escoiten as voces reprimidas no Sáhara Occidental.

Son rostros das mulleres da Unión Nacional de Mulleres Saharauís (UNMS), unha rama da Fronte Polisario nada co obxecto de visibilizar a muller na sociedade á vez que loitaba polo dereito á autodeterminación. Conscientes de que o peor inimigo do conflito é a invisibilidade, moitas son as que crearon asociacións utilizadas como plataformas para a difusión e realización dos seus obxectivos, converténdose así en embaixadoras da súa causa en foros de numerosos países.

Algunhas destas mulleres –hoxe médicas, poetisas, mestras, xornalistas, enxeñeiras, artistas...– retratounas o artista e bibliotecario da Universidade de Rennes (Francia) Gaëtan Pelhâtre, que sempre tivo unha atracción polas escenas de rúa, polos retratos e polos personaxes completos, dotándoos cuns ollos que lles dean vida e eliminando a rixidez propia dos debuxos.

A colección de retratos, a grafito e acuarela sobre papel, conforma a mostra ‘As asombrosas mulleres saharauís. Da tradición á emancipación’ que ata o 30 de abril se pode visitar no Claustro Alto do Colexio de Fonseca, de luns a venres de 9.00 a 21.00 horas (agás Xoves e Venres Santo). Colaboran na súa produción a Universidade de Rennes 2 e o Centro de Estudos sobre o Sáhara Occidental (CESO) creado en 2016 na USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.03.2018.